Opinión

O Brexit e Irlanda, a un século da división

Seica o Reino Unido e a Unión Europa xa atoparon un modo de salvar as diverxencias respecto de como tratar as relacións entre as dúas irlandas, dando un paso máis pra concluír un acordo sobre o Brexit. Pra que sexa definitivo estaría pendente, entre outros temas, un pacto sobre a pesca en augas británicas, que é de interese pra flota galega, xa que está en xogo a pesca nas illas Malvinas. Sen dúbida hai moitos intereses en ambas partes en xogo, tanto económicos, como políticos, que dificultan o acordo. Boris Johnson apostou moi forte internamente polo tema, e a UE quere evitar que o exemplo se siga por outros estados. Posturas difíciles de conciliar.

Dáse a circunstancia en relación co tema irlandés, que tanto debate causa entre Londres e Bruxelas, que o pasado día 14 hai un século que a Cámara dos Lores aprobou a división de Irlanda, creando dous parlamentos e administracións. Adxudicouse o territorio segundo os condados fosen de maioría católica ou protestante. A Lei previa unha unificación, mais sempre que os unionistas do norte a aceptasen. A división e imposición da monarquía causou axiña protestas no sur, de maioría católica, onde a povoación era partidaria da unidade e a República. 

Esta decisión de Londres tomouse catro anos despois do Levantamento de Pascua en Irlanda que causou uns 3.000 mortos e feridos, e 3.500 detencións (79 mulleres), destas 1.867 foron internadas en campos de prisioneiros. Axiña comezaron os fusilamentos dalgúns dos sublevados que tiñan un papel máis destacado na loita a prol da liberación nacional, en total 15 persoas. O reaxer da povoación nun primeiro momento foi negativo pra os sublevados, téñase en conta que 150.000 voluntarios irlandeses integraron as tropas británicas durante a Primeira Guerra Mundial. 

A finais da primeira semana de maio comezou un cambio na opinión pública, esta foise inclinando a prol dos rebeldes, cando días antes foran ridiculizados cando eran levados á cadea. Esta tendencia a prol do IRB (Irmandade Republicana Irlandesa) medrou aínda máis cando Lloyd George anunciou, pouco despois da insurrección, que o proxecto de Home Rule (autonomía) quedaba descartado e Irlanda sería dividida en dous estados, dos que o Ulster ficaría en mans dos unionistas. 

O Levantamento de Pascua fortaleceu a liña republicana e alentou guerra de liberación entre 1919 e 1921 (que custou 1.500 vidas), abrindo as portas ao Estado Libre de Irlanda e posteriormente á independencia. Pola súa banda o galeguismo ollaba con atención o proceso. A Nosa Terra destacaba no número 129, do 5 de outubro de 1920, en relación coa loita de independencia de Irlanda: “O 12 de agosto como é sabido, fixeron prisioneiro as autoridades inglesas o alcalde de Cork, Mr. Swiney, condenando a dous anos de cadea por ter pronunciado un discurso na defensa do seu país” .

En 1921 representantes do governo británico e o Aireacht (gabinete) da República Irlandesa negociaron un Tratado anglo-irlandés que en teoría abranguía a toda a illa, suxeito á condición de que Irlanda do Norte puidese optar por non se incorporar, que foi o que fixo. Asi nacía o Estado Libre Irlandés, como monarquía exercida polo rei británico. Posuía un governador xeral, un parlamento bicameral, un gabinete chamado Consello Executivo e un primeiro ministro. O Tratado aínda que contaba cun respaldo importante da povoación foi contestado pola maior parte do IRA (Exército Republicano Irlandés), iniciándose unha dura guerra fratricida. Irlanda tería que esperar até despois da Segunda Guerra Mundial, concretamente ao 1 de abril de 1949 pra poder exercitar plenamente a súa independencia e declarar a República. Mais como se ve no debate do Brexit a cuestión irlandesa segue sen se solucionar totalmente.

Te puede interesar