Opinión

Cambio climático

Pra tratar a desfeita ecolóxica e neste caso poñer o acento nas axudas aos países cun baixo nivel de desenvolvemento que están a sufrir máis duramente seus efectos, realizarase entre o 6 e 18 de novembro en Exipto a 27ª Conferencia da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP27). Terán como base as conclusións da COP26 e as medidas esenciais tomadas pra abordar a emerxencia climática. Iniciativas que van desde a redución urxente das emisións de gases de efecto invernadoiro, á creación de resiliencia e a adaptación ás inevitábeis consecuencias do cambio climático, así como o relativo aos compromisos de financiar axudas neste tema pra os países en desenvolvemento. 

A esta altura vendo as múltiples desfeitas provocadas por todo tipo de catástrofes climáticas cada vez máis frecuentes e con efectos máis desbastadores, sexa por furacáns ou por secas, por terremotos ou pola extensión das áreas desertas, pola subida do mar, ou a deforestación... En fin, resulta evidente que a humanidade ten diante de si un reto de coexistencia cos ecosistemas. E, sinceramente, coido que é simplista reducilo só a un problema das enerxías fósiles, que en parte semella máis un intento de desviar a atención do problema a unha parte do mesmo (se cadra porque coincide con intereses xeo-estratéxicos?) que ir ao fondo da cuestión. O sistema económico e social, o capitalismo, está esgotado, esencialmente nesta sua versión máis destrutiva de globalización do mercado concentrando a riqueza e o poder, e do neoliberalismo multiplicador da desigualdade. 

 A humanidade confronta por primeira vez na súa historia coas limitacións estruturais do planeta terra, tanto en relación coa contaminación atmosférica, mais tamén do lixo e produtos abandonados na terra e no mar e rios; e os límites nos recursos de minerais, de auga... Limitacións agudizadas pola estrema mobilidade con milleiros de barcos e avións indo dunha parte a outra do mundo, metrópoles inmensas, e unha demografía e un consumo en constante ascenso. As eivas e atrancos son cada vez maiores e os efectos regresivos máis rápidos. Pensando moitos e moitas que a tecnoloxía é capaz de solucionar todos estes retos de sobredimensión, é así nalgúns casos, porén en moitos aspectos só reduce un chisco unha degradación ascendente (tal como se amosou nas últimas décadas). Son necesarios cambios estruturais, cómpre abrir unha nova etapa histórica. 

Cómpre mudar o modo de produción e de vida, e iso non se fai en poucos anos, é necesario cando menos unha década ou dúas (ese foi o tempo que lle levou a China industrializar o país, saír da idade media, e vale de exemplo aínda que o camiño a percorrer sexa outro). Trátase dun proceso de transformación, polo tanto forte no aspecto divulgativo en principio e acelerado no práctico despois. E isto esixe poder político pra garantir a folla de ruta, debatida previamente co povo, pra contar coa súa plena participación e protagonismo. consenso entre os estados e na sociedade. Cómpre un pacto histórico encol dos obxectivos e un modelo económico-social planificado, baseado no respecto á soberanía de todas as nacionalidades e de xustiza social, de igualdade e fraternidade. 

Non lle resto valor a todo o que se faga a prol da defensa dos ecosistemas, aínda que sexan medidas interesadas ou se realicen por empresas que só buscan o beneficio e por aqueles/as que poñen o acento na acción individual. Mais, pra gañar esta batalla é necesario contar coa maioría e coller velocidade de cruceiro. E neste sistema onde cada vez é maior a concentración da riqueza (a cobiza) e a centralización do poder (a lei do máis forte), xa reflectiu o que dá de si. É necesario un cambio moi profundo, tendo en conta o que está en xogo. 

Te puede interesar