Opinión

Cambios a termos en conta

Malia o retroceso que implicou, na loita a prol da soberanía e a defensa dos dereitos sociais, o aceso de Macri á presidencia na Arxentina, a destitución de Dima en Brasil, o cambio de chaqueta de Moreno en Ecuador, o golpe de Estado en Bolivia, ou o triunfo electoral da dereita no Uruguai, cada día que pasa se consolida máis a viraxe á esquerda na América Latina. O primeiro paso neste cambio foi que López Obrador gañase as eleccións en México e Alberto Fernández na Arxentina, así como as enormes mobilizacións populares en Chile e Ecuador, e posteriormente en Colombia, Perú, Guatemala... todas elas cuestionando a desigualdade e a partidos que consideran non os representan. E, por último, hai poucas semanas, a derrota da dereita golpista en Bolivia. O retroceso de Bolsonaro nas eleccións municipais de Brasil ten unha lectura máis complexa. 

Destes procesos, todos eles con orixes e características propias, destacaría dous, polo que deixan de lección pra esquerda, o de Chile e o de Bolivia. Ambos salientan polo grao de participación e protagonismo das clases populares, porque superaron o marco institucional, fundamentándose no esencial nas organizacións de base, en Bolivia, e nunha resposta menos estrutural porén moi consolidada na mocidade, en Chile. Trátase de dous procesos moi distintos nos seus obxectivos intermedios. Bolivia busca recuperar máis dunha década de avance social e crecemento económico con Evo Morales. En Chile a resposta masiva é por mor dun crecemento baseado no neoliberalismo e na desigualdade, que fai auga por todas partes, malia que se puxo non hai tanto tempo como exemplo.

Neste último país a revolta popular xa leva máis dun ano activa, aínda que o Governo utilizou unha dura represión e ao mesmo tempo aceptou un plebiscito pra decidir elaborar ou non unha nova constitución, e como se elixirían os /as representantes e cales serían os contidos. O resultado da consulta reflectiu que unha ampla maioría optou polas propostas da oposición ao Governo. A dureza da represión fixo que se engadise como reclamación a esixencia da liberdade dos detidos e o desmantelamento dos carabineiros, a forza que máis se destaca nas accións represivas. A esta altura hai 648 persoas en prisión preventiva, 725 condenadas por participar na revolta; e por outra banda 8.827 denuncias por delitos cometidos polas forzas do Estado, e só 25 carabineiros en prisión. A popularidade de Piñera en xullo deste ano era de só o 16%. En todo caso o proceso de cambio en Chile aínda está ateigado de atrancos e son moitas as eivas, xa que a globalización neoliberal ten raíces no país, e non se desenvolveu ao mesmo ritmo que as loitas populares o suxeito político, pra lles dar articulación e hexemonía social e institucional.

Sen dúbida o acontecido en Bolivia no último ano, amosa o grao de conciencia acadado polo povo, xa que malia a represión foi capaz de manter niveis de institucionalidade e organización , como pra gañar a batalla electoral realizada baixo o control dos golpistas. Mesmo que contaban co apoio do poder económico, exército, policía e grandes medios de comunicación, e co arroupe de potencias como Estados Unidos e Brasil. Que o MAS obtivese nestas condicións un 55% dos votos, aínda non podendo presentar a Evo Morales, amosa o correcto da folla de ruta que se marcou este partido, e a importancia do traballo realizado, tanto no plano económico, como social e político durante os 13 anos de governo. É verdade que durante seu mandato Añez cometeu erros, e que lle prexudicou o efecto da pandemia, porén isto sucede noutros países, e o resultado non foi tan contundente. Non será esta unha tendencia de máis calado que se vai alargando progresivamente por toda América Latina? Deberiamos estar atentos. 

Te puede interesar