Opinión

Camiños perigosos

Adecisión de Biden de definir a Putin como un asasino e de que lle fará pagar a inxerencia de Rusia nas eleccións norteamericanas, utilizando a escusa que deu Hillary Clinton e os demócrata cando perderon as votación fronte a Trump, reflicten unha agudización da confrontación entre potencias, igual ou superior á da Guerra Fría. Resulta difícil de crer de que Rusia poda incidir nas eleccións de Estados Unidos, máxime cando este último ten o control das redes, da información e da cultura de masas. Ademais non hai dúbida, e hai probas a moreas, de que Washington intervén tanto nos procesos electorais como promovendo todo tipo de golpes de estado, sancións e inxerencias en todos aqueles países que non seguen as súas directrices. 

As novas sancións contra Rusia son un salto cualitativo no militar, económico e na utilización do aparello propagandístico pra cercar a Moscova, mentres que cinicamente se ofrece abrir negociacións, por suposto suxeitas a garantir os privilexios de Washington, nun cumio entre presidentes nun terceiro país. Unha intención negociadora que se nega logo nos feitos e declaracións provocativas. Todo indica que Biden e a súa equipa non queren aceptar que a realidade mudou moito na última década, que a crise de 2008 e a pandemia acelerou este proceso, e as vellas formulas non teñen hoxe os resultados que daquela estaban garantidos. 

Na actualidade Rusia é unha potencia militar, non só no eido nuclear, senón tamén no ámbito dun exército con medios tradicionais, contando con tropas fogueadas en conflitos como os de Siria, cun armamento moderno e cunha tecnoloxía que lle permite localizar con precisión os obxectivos e cegar ás forzas inimigas. Ademais a spútnik-V e varias vacinas máis contra o virus amosan o nivel de investigación que acadou, e a súa economía fortaleceuse e diversificouse malia as anteriores sancións de Estados Unidos e a Unión Europea, coa escusa da ocupación de Crimea (ignorando a vontade popular expresada nun referendo).

Tampouco se pode obviar que esta presión de Washington, e o apoio sen condicións de Bruxelas (en contra dos seus propios intereses) está consolidando a alianza entre Rusia e China. Máxime cando Biden, seguindo os pasos de Trump, acentuou a confrontación con Pequín non só no plano económico senón tamén no militar. O que sen dúbida condiciona o futuro da UE, tamén o seu proceso de reconstrución, tendo en consideración que Rusia é o maior subministrador de gas e China o seu primeiro socio comercial. Ademais, a diferenza de Estados Unidos e a UE a economía do xigante asiático creceu durante o 2020, nun 2,3%, e un 6.5% no último trimestre do ano pasado. A situación de Rusia é máis complexa, o ano pasado baixou un -3.13% e en 2021 medrará un 3,8% segundo o FMI, cando a UE terá que esperar a 2022, como mínimo, pra igualar o PIB de antes da pandemia do covid-19.

O proceso de reconstrución na UE, pra alén da eiva de que só se cinga ao aspecto enerxético e á dixitalización (e a unha maior flexibilidade laboral?) tamén estará condicionado por un aumento da confrontación con Rusia e China en moita maior medida que a economía dos Estados Unidos. Aínda que non se pode ignorar que respecto deste tema hai actitudes moi distintas entre os países da UE, ao final sempre terminan vencendo as posturas de submisión a Washington. Será así sempre? Que a UE mantivese unha política independente destes dous polos contribuiría á paz, a que se respectasen as regras de xogo internacionais, construídas con tanto esforzo e a tan alto custe despois da Segunda Guerra Mundial. Todo fai pensar que a pandemia, sendo unha situación excepcional, tamén se está a utilizar como cortina de fume pra avanzar por camiños perigosos e á marxe do consenso social. 

Te puede interesar