Opinión

Cando árbore non deixa ver o bosque

Dun día a outro pasamos do pesimismo total ao optimismo máis esaxerado e ao envés, sen termo intermedio, respecto da situación da pandemia e da crise económica e social que leva aparellada. Daquela que un anuncio por parte dunha das farmacéuticas de que a súa vacina superou a fase tres e estaría en condicións de subministrarse axiña, sen concretar data, sen que estea aínda abalada pola OMS, abonda pra botar as campás ao voo. Como aínda non hai data precisa, poden pasar uns meses segundo os especialistas pra que se aplique a vacina ao colectivo de máis risco (persoas de idade, con algunha patoloxía, sanitarios, etc.). Lembremos que non hai tanto tempo poñiase decembro como mes pra o aplicar a vacina masivamente, e despois as expectativas ficaron sendo ilusións. 

É correcto que tanto o Governo como os medios alenten o optimismo na loita contra a pandemia, mais manexando as datas con prudencia, evitando xerar relaxacións na disciplina social respecto do covid-19, e desacougos coas falsas expectativas. Os especialistas din que vacinar á maioría da povoación levará como mínimo boa parte do ano 2021, e que non haberá unha loita eficaz contra a pandemia mentres non se vacine ao resto do mundo.

Asemade, aínda non sabemos por canto tempo vainos protexer a vacina, nen cal será a eficacia e os efectos secundarios de cada unha delas, porque haberá varias dispoñíbeis en pouco tempo. Polo tanto neste tema, como no das festas de fin de ano, sendo sempre optimistas, non semella que convertelas nun obxectivo a curto prazo sexa o acaido. Non o será cando menos até que se teñan datas concretas pra vacinar, e nas festas de fin de ano e o novo ano até que se reduzan os contaxios a porcentaxes mínimas e a seguridade dunha desescalada con garantías.

Con estes mesmos nervios, estase a facer a análise da evolución da economía. Polo tanto desbordase optimismo porque no terceiro trimestre o PIB medrou no Estado español (EE) un 16,7%, e seica o vindeiro ano o PIB vai medrar ate un 9%. Mentres hai pouco chorábase porque no primeiro caeu -5,2% e no segundo un -17,8%, ou sexa que en termos anuais a esta altura a economía recuou un -8,7%. Dise con desbordado optimismo que o EE vai ser o que máis medre o vindeiro ano na UE: non será porque foi o que máis recuou durante a pandemia e o efecto rebote é maior? 

Resulta evidente que cómpre analizar a situación máis polo miúdo, xa que a pandemia e a crise non atinxe por igual a todas as clases sociais e territorios, e mesmo a sectores e empresas. E ademais todo indica que marca un antes e un despois en moitos aspectos, xa que deixou en evidencia que malia os grandes avances científico técnicos os seres humanos somos tremendamente fráxiles, e que está fracturado o equilibrio entre a humanidade e a natureza. E isto implica cambios estruturais, tanto económicos e sociais, como no hábitat e os comportamentos das persoas. Non abonda cunha boa sanidade pública, con dignificar as residencias da terceira idade, con enerxía renovábel. A desfeita do clima, o amoreamento urbano, a estrema mobilidade, o medre da povoación, son cuestións das que non se pode fuxir, e que axudan non só a enfrontar con maior frecuencia o paso de novos virus de animais ao ser humano, senón a que estes se expandan como lóstregos. 

A estes retos sanitarios e ecolóxicos súmanse ao esgotamento do sistema capitalista na súa etapa global e neoliberal, como se amosa co medre da desigualdade entre clases sociais e países, que as boas cifras macro de Asia do leste non poden agochar por moito tempo, a especulación, as sancións e agresións armadas. Cómpre debater destes temas con optimismo, porén sen ignorar os atrancos. A loita contra o covid-19 é prioritaria, mais a arbore non debería impedir que vexamos o bosque. 

Te puede interesar