Opinión

Cando Libia fíxose republicana

Hai medio século, o 1 de setembro, o coronel Muammar al-Gaddafi terminou coa monarquía, desaloxando do poder a Sayyid Idris que reinaba dende 1951. Un levantamento que contou cun gran apoio popular, e que sen dúbida estivo influenciado polo auxe das loitas de liberación nacional, especificamente en Alxeria e pola revolución nacionalista en Exipto, dirixida por Gamal Abdel Nasser. Naquel intre histórico este era un exemplo nos países árabes, especialmente en sectores progresistas dos exércitos da zona. Con Gaddafi enceta en Libia unha nova etapa, coa renegociación dos prezos do cru, unha iniciativa con consecuencias internacionais, que se estendera a outros estados exportadores. En 1973 nacionalizaría o 51% das compañías petroleiras. A estas medidas que reafirmaban a soberanía sumouse o peche das bases militares de Gran Bretaña e os Estados Unidos.

Gaddafi non era marxista, senón un nacionalista de orixe beduína, que propuña a vía libia á democracia, e ao que se chamou: un socialismo africano. Non era unha aposta exclusiva deste xove coronel nacido en 1942, xa que outros lideres africanos fixeron o propio, como Julius Nyerere de Tanzania. Gaddafi proxectou no Libro Verde seu pensamento político: “Os sistemas parlamentares constitúen unha solución trucada ao problema da democracia (...) O partido é a ditadura contemporánea (...) A clase como o partido, a tribo ou a taifa é un grupo da sociedade que comparte os mesmos intereses (...) Os congresos populares son o único medio de democracia popular”. 

No ano 1997 estiven durante varios días en Trípoli, na capital de Libia, tanto pra chegar como saír do país fixémolo a través de Tunisia. A razón pra facelo deste xeito era que no ano 1981 a sexta frota norteamericana derribou avións libios no Golfo de Sidra, como aviso, e en 1986 Washington someteu a Libia a un embargo económico e bombardeou Trípoli e Bengahazi, pola presunta participación en actos de terrorismo. A verdadeira intención era eliminar fisicamente a Gaddafi, e a súa incidencia na África subsahariana, polo que atacaron unha base militar na capital, que lle servía de lugar seguro. Neste bombardeo morreu súa filla Hana. 

Libia até a intervención e desfeita da República no ano 2011 tiña o maior nivel de vida de África, segundo todos os indicadores. Tal como puiden comprobar, nas rúas de Trípoli e algunha cidade próxima, nesta viaxe pra asistir ao encontro internacional sobre a paz e a globalización, organizado coa finalidade de rexeitar o bloqueo, e ao que asistiron numerosas delegacións internacionais. Aínda que os niveis de protección pública e distribución da renda eran importantes, non se podía obviar que na última década, pra facer máis morno o bloqueo déraselle entrada ás grandes transaccionais e privatizáronse moitas empresas públicas. Os axustes crearon contradicións na cúpula do Governo e aumentaron o descontente en sectores da sociedade, como as descoordinacións deixaron en evidencia no encontro internacional. 

Utilizouse a falsa escusa de ataques contra civís pola aviación en 2011, pra intervención militar das monarquías do Golfo, Estados Unidos, Francia e Reino Unido, en apoio dos grupos dos armados insurrectos do islamismo integrista. Os bombardeos deixaron milleiros de persoas mortas e feridas e unha gran parte da infraestrutura destruída. Realizáronse transportes de mercenarios desde o exterior, e enviáronse asesores e forzas especiais pra garantir o triunfo dos “rebeldes”. Hoxe o país está dividido, militarizado ou en mans das milicias. O povo vive na máis absoluta inseguridade e pobreza. Todo polo petróleo e gas (e o poder) que dous bloques de países musulmáns se disputan, co apoio de Italia e Francia e Estados Unidos en bandos distintos... mais unha vez, como escusa a “democracia”.

Te puede interesar