Opinión

Cantos, onde e a que se adicaran os fondos europeos?


Seica a crise da pandemia do covid-19, tiña un carácter conxuntural, e que os fondos europeos, tanto os recibidos en concepto de axudas como de créditos, pra alén de acelerar a rápida recuperación da actividade económica, permitirían realizar cambios estruturais necesarios pra evitar a estrema dependencia do turismo e de actividades de escaso valor na cadea produtiva. Este foi o relato que se vendeu dende o Executivo de Pedro Sánchez, e que contou co apoio maioritario do Congreso. Ademais, o contido e o modo en que se aprobou a nova reforma laboral deixou en evidencia a tutelaxe sobre a utilización dos fondos que realiza Bruxelas, así como as condicións comprometidas pra recibir os recursos do Next Generation. 

Canto máis se fala do tema máis claro fica que tanto o Governo central, como os autonómicos e das nacionalidades, ligan estes fondos no esencial a proxectos asociados ás grandes corporacións, coa escusa da capacidade dinamizadora que terían sobre a pequena e mediana empresa. Polo que non se modifica o proceso de centralización e concentración da economía e do poder, aínda que neste caso o argumento sexa a necesidade imperiosa de descarbonizar a actividade produtiva e avanzar na dixitalización. Sen dúbida este é o motivo polo que todo o relacionado cos fondos e os cambios estruturais pasaron a un segundo plano, agás cando se fala dalgún proxecto en concreto pra xerar expectativas nalgún localidade esmagada polo peche de empresas e altas taxas de desemprego. De cando en vez tamén algún governo autonómico cuestiona o reparto dos fondos, pra manter o relato da oposición, mais no fundamental son debates moi circunstanciais. 

Neste senso a portavoz do BNG afirmaba no Parlamento galego: “Seguimos sen coñecer cal é a proposta deste Goberno pra que Galiza non sexa discriminada, e todo o que temos é unha sucesión de anuncios con cifras e datos que cambiaban en cada presentación (...) o Parlamento non ten recibido documentación clave e reiteradamente solicitada polo BNG, o que da unha idea da falta de rigor do Goberno do PP. Estamos preocupadas polo centralización dos fondos e porque sexan condicionados a novos recortes de dereitos aos traballadores e traballadoras (...) Galiza non pode quedar discriminada e, ante un tema que é crucial, o Goberno de Feixóo, nin está, nin se lle espera”.

Polo tanto, senón se modifica este guión tan centralizado, e non existen uns obxectivos e folla de ruta claros por parte da Xunta de Galiza, e nos proxectos subvencionados no esencial só se teñen en conta ás grandes empresas, a nación galega perderá esta oportunidade e terá cada día un papel máis subordinado na cadea de valor. Será así tanto no eido da economía, como no da cultura e lingua, e por suposto na incidencia política no ámbito do Estado español, da Unión Europea e internacional. Daquela, pra clase traballadora galega, aos autónomos, e tamén á pequena e mediana empresa, interésalles que estes fondos europeos permitan consolidar e modernizar a actividade produtiva, completar os procesos na Galiza, e dar vida a iniciativas punteiras. Só deste xeito potenciaríase o crecemento económico e demográfico, o emprego de calidade, e reduciríase a mobilidade e os efectos exteriores das crises económicas, climáticas, políticas, sanitarias, etc. 

Non se deberían centrar os esforzos só en conseguir algún investimento, pra presentalo como un éxito. Trátase de recibir os recursos que nos corresponden polo noso peso demográfico, e polas débedas xeradas por décadas de trato desigual na construción de infraestruturas. Así como por séculos de marxinación, cando non represión, en todos os ámbitos, dende o cultural-lingüístico ao económico. Non vale encetar de cero ignorando as desigualdades de partida. 

Te puede interesar