Opinión

A cara escura das intervencións

Ovindeiro 16 de marzo cúmprese medio século do asasinato masivo de civís en My Lai, en Vietnam, por parte de tropas norteamericanas. De inicio, presentaron oficialmente as 120 persoas masacradas como 90 combatentes vietcong e 30 civís acompañantes. Ou sexa, danos colaterais, aínda que na ocupación da aldea só se atopasen tres armas.

A realidade foi, que pra obter méritos militares, e dado que estes estaban unidos ao número de baixas causadas ao “inimigo”,  o tenente William Calley e os seus homes, despois de baixar dos helicópteros que os conduciran ao lugar, violaron mulleres e nenas, mataron o gando, puxeron lume ás casas, e como remate, reuniron os habitantes do poboado e asasináronos a todos (anciáns, mulleres e nenos/as; en total 507 persoas). 

Esta non foi a única matanza en Vietnam realizada polas forzas estadounidenses, aínda que sería a que maior difusión tería. Calley foi xulgado e condenado. Porén, só estivo tres anos en arresto domiciliario, xa que sería indultado polo presidente Richard Nixon. Lembremos que na guerra de liberación de Vietnam, Francia como potencia colonial foi substituída por forzas militares de Washington.

Formalmente, estas apoiaban o governo de Saigón, mais en realidade este era un simple recadeiro da potencia norteamericana. 

A guerra alargouse dende o ano 1955 ate 1975, coa toma de Saigon polo vietcong. Calcúlase que neste período morreron a causa do conflito entre 3,8 millóns e 5,7 millóns de persoas, a maior parte civís, e que os militares norteamericanos foron responsábeis da morte de un millón de persoas. Pola súa banda, esta potencia sufriu 58.159 baixas, aos que se deben sumar uns 1.200 desaparecidos.

Ademais, hai que engadir a destrución dunha gran parte da base produtiva de Vietnam, así como as consecuencias a longo prazo sobre os ecosistemas, por mor dos produtos químicos empregados, así como das minas espalladas por boa parte do país. 

A destrución non afectou só naquel intre a Vietnam. O propio pasou por exemplo en Biafra, e volve acontecer na actualidade en Somalia, Afganistán, Iraq, Libia, Siria, Sudán do Sur e Iemen, por só nomear aqueles territorios nos que o drama da guerra é máis agudo.

Non deixa de chamar a atención que en practicamente todos estes conflitos estean presentes os Estados Unidos, dun xeito directo ou a través de mercenarios, ou de países con governos subordinados. O que se entende, mais non o xustifica, porque malia ter perdido poder económico, aínda é a maior potencia no eido militar, financeiro, no control da comunicación e a cultura de masas. 

Porén, o grave é que, naqueles territorios nos que intervén, co apoio ou complicidade da UE e doutros organismos internacionais, termina reinando a división sectaria e a inseguridade, o caos. Tal é o caso de Afganistán, Somalia, Libia, Iraq, etc. A presidencia de Trump, a competencia interna cos demócratas na carreira de confrontación con China e Rusia, e un importante aumento do gasto militar, auguran un fortalecemento desta tendencia destrutiva.

A escusa sería a de recuperar hexemonía en todos os ámbitos a través da forza militar, do control mediático e das redes, e da ameaza do bloqueo e económico e sancións, da invasión e da destrución nuclear. En pouco tempo xa conseguiu que medrase a tensión militar e o armamentismo en todo o mundo. 

Ficamos nun escenario abondo preocupante como pra que as clases populares, as organizacións de esquerda, os/as intelectuais progresistas, chamen á mobilización, a debater a cuestión nas institucións, confrontando con situacións tan regresivas e perigosas.

My Lai abriu hai 50 anos unha vaga de protestas sociais contra a presenza norteamericana en Vietnam e pola paz. Hoxe as agresións militares multiplicáronse, e como daquela, pra alimentar o lume e impoñer a subordinación.  

Te puede interesar