Opinión

Cárdenas, o nacionalismo con base popular

Hai oito décadas, o 2 de xullo de 1934, Lázaro Cárdenas gañaba as eleccións á presidencia de México. Foron seis anos de governo que deixaron unha pegada moi forte na sociedade. En 1930 México tiña uns 16.552.000 habitantes, ou sexa unha presión demográfica moi inferior á actual. Cárdenas naceu no ano 1885 no estado de Michoacán, e en 1913 incorporouse á loita contra a ditadura de Huerta. No ano 1924 xa é xeneral de brigada e en 1928 xeneral de división. Combate contra a rebelión dos cristeros e resulta elixido governador de Michoacán. Os cristeros eran un movemento armado (1926-1929) que se opuña ás medidas do governo pra limitar a presenza da Igrexa sobre o patrimonio da nación e os procedementos civís.

Como governador de Michoacán, de 1928-1932, destacará por acentuar as liñas do PNR a prol das clases subalternas, por exemplo no reparto de terras en explotación colectiva (ejidos), o que lle fará gañar prestixio popular e ascenso político: presidente do partido, secretario de governación no executivo nacional. Lázaro Cárdenas será elixido presidente de México, co arroupe de Calles, mais irase afastando del, impondo a súa propia folla de ruta, tanto mediante unha maior sensibilidade ás reivindicacións populares como abandonando o anticlericalismo militante de Elías Calles. Este fora considerado o “xefe máximo da Revolución” e sería presidente de México de 1924 a 1928. No mandato deste último creárase o Banco de México, ordenárase a construción de estradas, botara a andar a primeira liña aérea, construíndo presas, sistemas de rego e numerosas escolas rurais.

Durante a súa etapa de presidente, Cárdenas salientou pola nacionalización das empresas petroleiras, a potenciación da distribución de terras, a mellora das condicións laborais e a sindicalización, o fortalecemento do ensino e saúde públicas, e pola protección aos exiliados da IIª República (moitos deles galegos, como Elixio González). Non se pode ignorar que moitas medidas tomadas estaban condicionadas pola necesidade de restar apoio ás forzas de esquerda, e pola crise económica de 1929. Tratábase polo tanto de desenvolver as bases dun capitalismo nacional, prao que era esencial incorporar o campesiñado ao mercado produtivo, unha vez que o investimento exterior xa non cumpría ese papel. Lembrar que no ano 1914 os investimentos dos Estados Unidos na América Latina estaban concentrados nun 84% en México.

Unha das primeiras medidas de Cárdenas foi legalizar o Partido Comunista. No eido agrario entre 1935 e 1940 repartíronse unha media por ano de 2.935.000 hectáreas a 129.000 persoas; o número de empresas industriais duplicouse, a ocupación atinxiu os 390.000 operarios, e a afiliación sindical triplicouse. Fíxose unha ampla reforma educativa pra eliminar o analfabetismo, e déuselle pulo á educación técnica superior. Mais, a decisión que tivo unha maior repercusión exterior e sobre a economía a longo prazo, e sería sinónimo da vontade de soberanía do país, foi a nacionalización do petróleo en marzo de 1938; un ano antes fixera o propio cos ferrocarrís.

A presidencia de Cárdenas foi excesivamente personalista, mais os seus logros no económico e social deixaron na conciencia popular un pouso positivo. Sen dúbida tivo unha importancia fundamental praos de abaixo que se contara cos sindicatos, que se alentase o reparto de terras e que ademais se lles outorgasen recursos pra explotación. Algúns analistas afirman que este protagonismo sindical, no que destacaba unha figura como Lombardo Toledano, decaeu a partir de 1938. Poderíase dicir que Cárdenas non prexudicou ao capitalismo, senón que lle deu novas regras de funcionamento máis acordes coa realidade mexicana, por esa razón aumentaron tanto o investimento público como o privado durante o seu governo.

Te puede interesar