Opinión

Cataluña, a saída está no pacto

Cataluña está fervendo por mor dunha sentenza exemplarizante que condena as ideas e supostas intencións. Cando correspondería que o Tribunal Supremo se cinguise aos actos. Polo que a condena dos dirixentes políticos e institucionais deste país a cen anos de prisión, coloca este conflito como unha das contradicións centrais por moito tempo no Estado español, se non existe dialogo e unha saída negociada. Pensar que as medidas punitivas poden ter eficacia, amosa non ter comprendido que o mundo atopase hoxe nunha conxuntura, ou sexa nun tempo de grandes cambios históricos, na que o capitalismo está na súa etapa senil. E estas transformacións estanse a dar tanto no aspecto económico, como no social, ecolóxico, cultural e no modelo de democracia. 

A sentenza, ademais de inxusta, intensifica ao máximo a confrontación territorial. Impón a concepción dos sectores máis conservadores de que grazas ao “peso da lei interpretada polos poderes dominantes”, de clase e nacionais, e mediante métodos coercitivos, o conflito vaise superar ou reducir á marxinalidade. Unha resposta que amosa unha lectura incorrecta da conxuntura, de crer que todo se soluciona cos métodos do pasado, doutro momento político, nun mundo no que nen sequera está garantido a continuidade da Unión Europa. O brexit, o referendo de independencia en Escocia, serven de exemplo. En política neste intre non se pode obviar que ao alentar unha contradición, neste caso a territorial, hai que sumala a unha intensificación da loita de clases polo medre da desigualdade e precariedade, á desfeita ecolóxica, as reivindicacións de igualdade, ao conflito entre potencias, sancións e bloqueos, etc. 

Esta condena invade o espazo da política e implica cambios que afectan tanto ás competencias das nacionalidades históricas, e á defensa das pluralidade ideolóxica, como ao exercicio da protesta laboral e social. Resulta preocupante que por unha banda se descualifique aos dirixentes cataláns porque todo foi un amago, mentres se lles condena por sedición; que se considere que houbo manifestación tumultuosas e violentas, cando todos e todas vimos en directo como mossos, policía e garda civil impedían pola forza votar á xente. Ou que se lles acuse de malversación cando o propio Montoro afirmou que non se empregou diñeiro público pra organizar o referendo. 

Hai profesionais do dereito que destacan criticamente que a sedición debese reservar a condutas máis graves que o atentado a autoridade con violencia ou intimidación, tendo en consideración as durísimas penas previstas. Asemade salientan que, ao tipificar as mobilizacións do 20 de setembro e 1 de outubro como sedición, calquera protestas masiva poderá ser cualificada no futuro como tal, máxime se actúa un piquete ou se realiza un corte de trafico, e castigada con penas de 8 a 12 anos. Unha lexislación regresiva, que se suma á Lei Mordaza e artigo 315.3 do Código Penal. 

As protestas masivas e pacificas dunha maioría do povo catalán, máis ampla co independentismo, o éxito da folga, amosa o grao de rexeitamento das condenas, e que as medidas e actitudes do Governo central son albiscadas como agresivas. Non só coa identidade catalá, senón por implicar un secuestro a dereitos básicos, como o de opinión e a capacidade de decisión. Unha amnistía, recoñecer a pluralidade nacional e o dereito a decidir, ampliar as competencias e blindalas, avanzar nun reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida, poderían abrir o dialogo. A sentenza sen dúbida foi un paso atrás, invade o campo da política ao caracterizar en termos ideolóxicos e lexislar. Daquela que teña unha repercusión na sociedade e pra o futuro semellante ao Pacto da Moncloa e a LOAPA, porén nun contexto social máis complexo e cun futuro incerto. 

Te puede interesar