Opinión

Catalunya: non hai saída administrativa

A virtualidade do debate sobre o referendo catalán é que fotografía cada forza política pra alén do cotiá. Todas ficaron espidas das roupaxes ocasionais, das propostas e dos discursos  calculadamente ambiguos que forman parte da táctica electoralista dos partidos sistémicos, que teñen como única meta mellorar a súa representación institucional. Este é un xeito de axer común neste contexto, no que o capital reduciu as diverxencias máis agudas entre a socialdemocracia liberal e a dereita. Daquela que rexeiten calquera proposta ou opinión que implique unha redistribución real do traballo e da riqueza (ou sexa, cambios de tipo social, económico, cultural, democrático, ou do ámbito da soberanía...). 

No Parlamento Catalán, debateuse o 5 de setembro unha cuestión tan sensíbel como é a da capacidade de decidir. Existe un sector importante da sociedade nese país que se opón á independencia (ou sexa, a exercer toda a soberanía). Mais non se pode obviar que o dereito de consulta négase esencialmente porque hai aspectos que afectan ás clases dominantes, tamén de Catalunya. E porque estas temen perder, e que a composición política no futuro Estado, malia as posturas mornas da maioría dos partidos cataláns en relacións co conflito capital-traballo, signifique unha mudanza na correlación de forzas, e un exemplo. Hai medo a que un conflito, en aparencia exclusivamente territorial, na práctica, achegue o poder político ás clases populares, dándolles fortaleza a través da protesta laboral e social e das institucións. É unha análise con fundamento, xa que a clase traballadora e outras camadas populares teñen máis forza nos ámbitos máis próximos, máxime neste contexto de globalización e fragmentación social e política.

Durante o debate, formáronse dous bloques ben definidos. Un que aposta pola realización do referendo, e que o povo catalán sexa o que decida o futuro do país. E outro, que representa as teses da legalidade vixente. A abstención de Sí que es pot é un saída ficticia á confrontación interna sobre o tema, por máis que Pablo Iglesias queira facer ver esta terceira vía como a máis reflexiva. A división do grupo en relación a participar ou non no referendo ficou de manifesto tanto antes como durante pleno. Dada a transcendencia do momento político en Catalunya, non semella que se podan solucionar doadamente as diverxencias internas do Podemos catalán, e coa súa matriz en Madrid, así como coas outras forzas que integran Sí que es pot. Incidirá isto en Podemos e En Marea?

Deter o proceso non é tan sinxelo pra o Governo central e o aparello do Estado (xudicial, administrativo, represivo). Din que hai lei está da súa parte. Non hai dúbida, porque neste modelo, as nacionalidades históricas e os seus dereitos nacionais foron negados. Foi unha das razóns pra axiña se baleiraren de contido as limitadas competencias, e se degradar aínda máis o modelo autonómico. Ao mesmo tempo, traspasáronse competencias fundamentais a institucións da Unión Europea non elixidas democraticamente, sen ningún tipo de obxección. Será porque fortalecían a concentración e centralización do poder e da riqueza, en prexuízo das clases populares e das nacións sen estado, por estar subordinadas na cadea de valor?

A resposta do Estado español ao referendo é confiscar as urnas, así como desposuír do seu cargo, sancionar e castigar os dirixentes elixidos polo povo catalán. Mentres que Pedro Sánchez fai unha tímida e serodia proposta reformista, que non evita un marco económico-político que reproduce a desigualdade. Ademais, toda medida punitiva, por máis que se disfrace, aumentará a confrontación social e política tanto en Catalunya como no Estado español, e polo tanto non será transitoria. As contradicións non devecen con falsas saídas nen botándolles pólvora.

Te puede interesar