Opinión

Chegou un novo axuste ou seguimos en crise?

Oforte aumento do paro no mes de setembro, o peche das centrais de Meirama e Endesa, do estaleiro Vulcano, os graves problemas polos que pasan as factorías da industria electro-intensiva de Alcoa e Ferro-atlántica, e o estaleiro Barreras, a venda a capital foráneo do hospital Povisa, son os síntomas dun novo axuste económico e laboral, de clase e territorial. A cuestión a analizar é: non se tratará dunha continuidade da anterior crise, dun capitalismo que se atopa na etapa senil? Do que non hai dúbida é de que están en xogo sectores estratéxicos. Será porque a globalización e o papel subalterno do noso país axudan na inmediata transferencia dos custes do axuste á periferia?

Este golpe sobre o emprego e o PIB galego dáse nun contexto de confrontación entre as graneds potencias pola supremacía, encetando polo ámbito económico. Daquela as sancións, bloqueos, especulación coa moeda e na Bolsa, o control sobre as redes e a información, e mesmo a agresión militar, por parte dos Estados Unidos, pra manter a toda costa súa hexemonía, respecto de China e Rusia. Estas medidas tamén van dirixidas contra as potencias rexionais e países aliados de Washington, sen rachar a coaligazón estratéxica na defensa de intereses comúns. Por exemplo, pra dobregar ás nacións con políticas soberanas.

No escenario actual de globalización neoliberal, ou sexa de predominio da economía de escala, esta vai acompañada dunha desigualdade e precariedade cada vez máis forte, porque esa é súa tendencia natural. Ao que se deben sumar todo o que implica respecto da liquidación dos recursos existentes, así como a rápida destrución da natureza, o medre demográfico e emigracións masivas, que agravan as contradicións. 

Tampouco se pode esquecer que as medidas tomadas pola maior potencia do mundo pretenden redefinir o campo de xogo global no seu beneficio, mesmo a costa de que retroceda o intercambio comercial mundial de bens e servizos, e que isto afecte duramente a terceiros países. Moi distinta é a dinámica que Washington potencia na información e cultura de masas, e no eido financeiro e militar, onde a súa hexemonía é indiscutíbel. Nuns casos recorta e noutras amplía.

A vía da confrontación é a única posíbel no capitalismo, xa que este sistema é consubstancial coa explotación de clase e opresión nacional. Porén, existe a vía alternativa da colaboración entre países. Unha resposta na que se primaría a transferencia de tecnoloxía, unha valoración axeitada dos bens e servizos realizados por cada nación, e un reparto xusto do traballo e da riqueza producida entre clases sociais. 

Dado o carácter transcendental dos retos da contaminación e substentabilidade enerxética, o transporte a grandes distancias, o turismo de masas e as grandes cidades, teñen o tempo contado. Daquela que saír en defensa da globalización neoliberal fronte a un hipotético repregue ao ámbito nacional de Estados Unidos, parte dun falso debate. Xa que se exclúe como opción a economía sustentábel e autocentrada. Un modelo ao que se terá que camiñar irremediabelmente, e onde o intercambio  internacional tería como finalidade suplir as carencias e exportar superávits, primando en cada país a variedade na produción sobre a especialización actual. 

 O que resulta evidente diante dun proceso desta dimensión é que Galiza terá que combinar durante este período a produción de escala e as exportacións, mentres alenta e planifica a diversidade produtiva, o consumo da produción local, as enerxías alternativas, e un reparto máis xusto do traballo e da riqueza. Isto permitirá, entre outros aspectos, rematar coa lacra da emigración da mocidade e compensar mortalidade e natalidade, e sobre todo ir por diante na construción dun modelo económico e social alternativo de paz e solidariedade. 

Te puede interesar