Opinión

China, cambio radical en sete décadas

Ovindeiro 1 de outubro cúmprense sete décadas da proclamación da República Popular China, hoxe a maior economía do mundo, se o PIB se mide en capacidade de merca, e a segunda por detrás de Estados Unidos se a comparación faise co valor de troque do dólar. Do que non hai dúbida é que neste período China pasou de ser un país atrasado, sometido durante máis dun século a potencias estranxeiras, a se converter nunha potencia que cuestiona a orde económica e política deseñada á medida de Washington. En 1949 tiña unha povoación de 541 millóns de habitantes, e hoxe os 1.400 millóns, malia o rigoroso control da natalidade nas últimas décadas.

Os antecedentes na loita de liberación de China foi a proclamación o 1º de xaneiro de 1912 da República, baixo a presidencia de Sun Yat-sen, e o movemento revolucionario do 4 de maio de 1919, que se iniciou na Universidade de Pekín. Esta loita alentou a fundación do Partido Comunista, que realizou seu Primeiro Congreso en xullo de 1921 en Shanghai. A historia China define catro etapas pra acadar a liberación: 

1º) a guerra civil revolucionaria de 1924-1927, na que salienta a colaboración co Koumintang. 

2º) a guerra civil revolucionaria de 1927-1937, na que se produce a famosa “longa marcha”, de 12.500 quilómetros ate Yenan pra rachar o cerco de 500 mil soldados de Chiang Kai-shek. 

3º) a guerra de resistencia contra o Xapón de 1937-1945, que ocupou o norte e centro de China, loita na que o Exército Popular de Liberación destacou como principal forza combatente contra as forzas xaponesas. 

4º) a guerra popular de liberación de 1946-1949, na que o ELP derrotou ás forzas de Chiang Kai-shek, malia contar co apoio das potencias occidentais, evidentemente a axuda da Unión Soviética foi esencial neste resultado.

Fago este breve relato da historia china, así como lembrar que en 1820 era a maior economía do globo, pra que se comprenda que non é casual a rapidez coa se converteu na fábrica do mundo. E porque hoxe disputa aos Estados Unidos e occidente os avances en tecnoloxía punta. Canto tardará en facelo tamén no eido militar? Con esta tendencia dominante hai que entender a belixerancia de Washington nos ámbitos que aínda mantén a hexemonía, como o financeiro, a moeda de reserva, a información, o gasto e expansión militar, redes e espionaxe...  

No outono de 1999, coincidindo co 50 aniversario da República Popular, visitei China por segunda vez, formando parte dunha delegación da CIG convidada polos sindicatos dese país. Comprobamos os inmensos avances económicos, de creación de emprego, aínda que a desigualdade social e territorial estaba a crecer. No último Congreso do PCCh a eliminación da pobreza en 2020 foi considerada tarefa prioritaria.

Agora ben, malia as contradicións do modelo chinés, estas non son superiores ás que foron acumulando as potencias occidentais. Nestas a participación social está eivada polo poder das corporacións privadas, que impoñen un capitalismo que ademais de depredador está esgotado. O medre da desigualdade e a precariedade laboral, vai collida da man dunha lexislación laboral e contra a protesta social cada vez máis regresiva, que baleira de contido a democracia e o papel dos partidos sistémicos. A fortaleza do sector público e a soberanía do Estado permite que o modelo chinés sexa máis efectivo, garantindo un maior medre do PIB e dos salarios, e o retroceso da pobreza. Un dado concreto. Aínda que se pon como escusa pra reducir os salarios en occidente a hipotética competencia desleal polos baixos salarios, especialmente na industria que é a que produce bens de exportación, xa no ano 2016 os salarios neste sector en China eran superiores aos de México, Brasil, Colombia e Tailandia, e estaban ao mesmo nivel que Portugal e Grecia.

Te puede interesar