Opinión

Cobiza e soberbia

Os Estados Unidos coida que é o povo escollido pra civilizar e dirixir o mundo. Unha actitude mesiánica, que ten moito que ver cos primeiros colonizadores e a expansión posterior, e que semella foise fortalecendo a medida que perde terreo no ámbito económico e da tecnoloxía militar. É o reaxer de quen se sinte ferido de morte, e nen se lle pasa pola cabeza a negociación previa pra evitar unha saída fatal pra humanidade. 

Dirase que esta postura belixerante ten que ver coa persoalidade de Trump e da súa contorna, de ultradereita e confesional, porén non se pode obviar que pra alén da sobre actuación, o xeito de proceder é tan antigo como a doutrina Monroe (1823), e o escenario actual iniciouse con Clinton, Bush e Obama. Daquela naceron as relacións nocturnas co integrismo islámico, terrorista nos métodos e retrogrado no social, como os Taliban, Al Qaeda e o Estado Islámico, a expansión militar (200 bases no exterior), o apoio ao UÇK en Kosovo e os bombardeos sobre Belgrado. 

Trump deu un paso máis nos métodos provocativos, que colocan acotío ao mundo ao borde dunha guerra nuclear. Tanto pola ruptura dos acordos con Rusia, de limitación do armamento nuclear e balístico de curto e medio alcance, como polas sancións a países que queren manter políticas soberanas. Co agravante de estender a aplicación destas sancións a empresas de terceiros países, pra forzalos a seguir estas accións arbitrarias e que afectan especialmente ás clases populares. Medidas que poñen en perigo o libre comercio, vexase o apresamento dun petroleiro iraní polo Reino Unido, ignorando os organismos internacionais, como a ONU. Dando así por mortos na práctica os mecanismos construídos pra evitar a repetición das guerras e das accións previas que as provocan.

Chegouse a esta situación, non só polo poder militar de Washington e as ameazas que bota, mesmo contra aqueles aliados que non bailan ao seu son, senón tamén: porque estes estados poñen por riba dos dereitos nacionais e as normas internacionais os intereses das súas corporacións. Empresas que por mor da globalización están hoxe moi ligadas ao imperialismo estadounidense, que segue a ser hexemónico no eido financeiro, na moeda de troque internacional, na produción agrícola, na información e cultura de masas, e no gasto militar, cun exército especializado na intervención e ocupación. Mais, a tendencia dominante é, que China siga a gañar distancia na produción industrial e no comercio internacional, eidos nos que xa supera a Estados Unidos, e no futuro poda facer o propio na área das novas tecnoloxías, e como potencia militar (tamén por Rusia). 

Sempre houbo confrontación entre potencias, ao que se debe engadir que o capitalismo é consubstancial coa centralización e concentración da riqueza e do poder, mais a globalización neoliberal potenciou as contradicións e confrontacións a unha escala nunca vista, entre potencias e entre empresas, e entre as clases sociais. Unha etapa que deu pulo aos avances tecnolóxicos, que facilitan o traballo e melloran as condicións de vida, porén tamén incrementaron a desigualdade, a precariedade, as guerras interminábeis, a desfeita de países, e a destrución dos ecosistemas. Un mundo no que avanzou o respecto pola diversidade nos comportamentos individuais, porén no que medrou a explotación e opresión, que afoga ás culturas e linguas minoritarias ou dos países dependentes, e restrinxe dereitos laborais e nacionais. 

En resumo: o capitalismo non responde ás necesidades do momento. A globalización debe ter límites e regras, hai que democratizar a política e o traballo, así como respectar a soberanía dos povos. Cómpre poñer a economía ao servizo da sociedade, pra evitar que a cobiza e a soberbia nos converta en escravos, autómatas, ou o destrúa todo.

Te puede interesar