Opinión

A complexidade política do momento

Son das persoas que valora as estatísticas, coido que son un complemento importante daquilo que apreciamos na realidade, mais cando chocan co que vemos algo falla na súa realización. Por exemplo, as horas extra que reflicte a Enquisa de Povoación Activa (EPA) carecen de lóxica. Non se sostén que unhas 17 millóns de persoas asalariadas no Estado español realizan menos de 7 millóns de horas extra á semana, ou sexa pouco máis de 20 minutos por persoa. Ou que só 48 mil dos 865 mil asalariados galegos fan horas extras, cando hai sectores enteiros que realizan dúas ou tres ao día (hostalería, construción, talleres, etc.). Son enquisas que semellan estar feitas a medida daqueles que lle queren sacar ferro á gravidade da explotación laboral.

A todas as enquisas cómpre pasalas pola peneira, e despois darlles máis dun repaso pra tirar rédito dos dados. Este é o caso da pescuda que acaba de dar a coñecer o CIS, sobre a intención de voto nunhas eleccións xerais. Fíxose sobre un total de 2.500 persoas, ou sexa, que os dados desagregados por nacionalidades e autonomías, ou respecto de forzas que teñan ese ámbito, poden sufrir grandes variacións con cambios nas respostas moi pequenos. Nos dados de ámbito estatal o máis destacábel é que o PSOE gaña un 8% de apoio, converténdose na primeira forza a costa do PP, Podemos e Ciudadanos, que perden entre todos unha porcentaxe do 10%. 

En poucas palabras, que a uns pola esquerda, e a outros pola dereita, Pedro Sánchez atrapoulles unha parte importante do voto moderado a estes partidos. Chegoulle co anuncio de certas reformas, máis medios pra os servizos públicos, e abrir unha mesa de negociación de Cataluña, pra conseguir este avance tan grande na intención de voto. Aínda que case todos estes temas son máis discurso que acción, máis boas palabras que feitos. O que indica a complexidade da conxuntura, o desgusto de sectores moi amplos da sociedade, e o variábel que é a situación política, pola desconfianza que existe respecto dos partidos políticos e súas figuras de referencia. Daquela, que a enquisa do CIS diga, que 2/3 das persoas consultadas esperaban moi pouco ou nada do governo de Pedro Sánchez. E que só un 19,1% valorase a súa xestión como positiva, e un 33,9% como regular. É verdade que estes dados superan os de Rajoy na última consulta do CIS, mais non se pode obviar o pesimismo, que a opción dominante é votar polo menos malo. 

Estes dados ademais deixan en evidencia que o PSOE só ten marxe moi cativa pra superar o 30% actual de intención de voto, senón toma medidas que impliquen cambios de certa transcendencia (condicións laborais, pensións, dependencia, federalismo, fiscalidade progresiva, etc.), e pra isto carece de apoios abondo. Polo que todo empurra pra que se convoquen eleccións anticipadas. Outra cuestión é que isto signifique que despois se fagan estas e outras reformas urxentes; aínda que haberá algúns cambios; lembremos que o PSOE ten seus compromisos coa UE (ou sexa co bloque dominante). A enquisa tamén indica que aumenta a porcentaxe de voto a opcións distintas ás catro grandes forzas políticas estatais, en beneficio en primeiro lugar do nacionalismo catalán e vasco. 

Por outra banda, o novo recuar de Podemos, EU, e confluencias, acrecenta as contradicións das Mareas, non só porque acentúa a disputa interna, senón porque ademais deixa en evidencia que a vía estatal en común é un camiño cada vez máis estreito e cheo de atrancos. Axudarán a que todo o nacionalismo galego busque formas de unidade que garantan ter os pes e a cabeza na Galiza, a dar pulo á iniciativa, á mobilización e unha forte representación institucional propia? Ou sexa: existir como nación a efectos políticos. A enquisa tamén di moito sobre isto, consolida unha tendencia.

Te puede interesar