Opinión

Consumo e actividade produtiva

Os últimos informes do FMI e do Banco de España presentan un panorama máis pesimista que os anteriores, cunha caída do PIB que rondaría o 10-12%, e un aumento do desemprego neste segundo trimestre até un 20%. Sen dúbida son dados preocupantes, aínda que todas as hipóteses coiden que en 2021 ou a máis tardar en 2022 a economía recuperará os valores de 2019, ou sexa, os anteriores á pandemia. Entenden que neste tempo, pola existencia dunha vacina, e superados os traumas da pandemia, todo volverá a ser igual que antes, dado que as causas non foron económicas. 
Mais, non será esta unha visión demasiado optimista? Resulta evidente que a pandemia deixou en evidencia a fraxilidade do sistema económico, tal como recoñece a propia Unión Europea. Daquela que se poñan como deberes urxentes o desenvolvemento das novas tecnoloxías, o relacionado co medio ambiente, e reducir a dependencia externa en bens e servizos esenciais. O acontecido cos subministros sanitarios reflectiu as fraquezas da actual división internacional do traballo en situacións estremas (sanitarias, catástrofes, guerras...). 

Resulta lóxico que os governos poñan énfase en recuperar a actividade produtiva anterior, deixando nun segundo plano os cambios inevitábeis na produción, pra así rexeitar toda actitude pesimista que dea folgos a redución do consumo e ao peche de empresas vulnerábeis cuxas eivas medraron coa pandemia. Agora ben, mesmo que a estas empresas se lles axude pra que se manteñan activas a chave da súa continuidade estará na recuperación do consumo privado e o gasto público, o primeiro levará meses e moitos comercios deberan reestruturarse pra ofrecer bens e servizos axeitados á nova realidade. Cómpre ter en consideración que non só está afectado o mercado interno senón que tamén externo, dado que esta é unha crise sanitaria mundial, que non rematou, e que está en plena actividade no continente Americano, e pode que África. 

Non podemos esquecer que, malia que haxa unha porcentaxe da povoación que mantén comportamentos sociais como se ren pasase, hai outra parte significativa que modificou seus hábitos de vida e consumo por bastante tempo (ou por toda a vida). Dous exemplos. As persoas maiores e familias con fillos/as forman unha fracción importante do turismo... Cantos van a coller un avión e medios de transporte de masas, ir a praias ateigadas de xente, ou viaxar nun cruceiro? A incidencia sobre o turismo e os espectáculos de masas non vai ser conxuntural, mesmo que se recupere en boa parte nos vindeiros anos. Mais a pregunta importante non é esa, senón: volverá a ter as dimensións de antes da pandemia? Se non fose así: cales serán as actividades substitutivas?... Outro aspecto que non se pode obviar é que unha boa parte da clase traballadora está nos ERTE (70% do salario), está desempregada ou teme estalo. Polo que reduciu o consumo pra poder enfrontar un período de dificultades, e esta situación non se cambia co Ingreso Mínimo Vital. 

Ou sexa, especialmente na pequena e mediana empresa o futuro está relacionado fundamentalmente co gasto público e o consumo interno (e por extensión da UE), dado que o proceso de globalización está no inmediato condicionado pola pandemia e no futuro pola confrontación entre potencias, etc. Polo tanto, trátase de alentar o gasto mellorando as condicións laborais e axudando á pequena empresa. Porén de onde saen os recursos? Que non se diga da UE ou BCE porque non é certo, xa que o que fan é adiantar efectivo. Do único lugar de onde poden saír é daqueles que durante a crise anterior e agora acumulan cada vez máis poder e riqueza: das corporacións multinacionais, da especulación financeira e das grandes fortunas. Non hai outra opción en interese da maioría. 

Te puede interesar