Opinión

Coronavirus, saúde e sistema

Eu non son un entendido no tema, porén resulta evidente que o coronavirus é un tema central neste intre no axer político e que está tensionando os sistemas de saúde da maior parte dos países do mundo. A pregunta, que aínda non se pode contestar porque depende da eficacia das medidas preventivas, é: que efectos terá esta doenza en vidas humanas, formará parte no futuro de outras viriases, como a gripe, e haberá vacinas eficaces pra contrarrestar seus efectos?


Hai quen compara o número de persoas mortas coas da gripe común, entendendo que as medidas tomadas son esaxeradas, e que se está dramatizando a cuestión. Pódese ser certo en certos medios de información. Mais, non se debe obviar que o menor número de persoas mortas, en comparación coa gripe, debese ás medidas excepcionais tomadas pra evitar a propagación do coronavirus. Daquela que Angela Merkel dixese nunha intervención que podería afectar ao 65-70% da povoacion de Alemaña, dado a rapidez e facilidade coa que se estende de non lle poñer atrancos, polo que ademais de tomar medidas radicais estas deben contar coa colaboración da xente.


A esta altura tamén se pode valorar máis axeitadamente que as decisións tomadas en China foron acertadas, tendo en consideración a diminución das persoas afectadas e das mortes polo coronavirus. Poderán os estados da UE e outras potencias occidentais, dado a redución do sector público na economía, nas relacións laborais, e na xestión dos servizos esenciais, por mor da masiva privatización como parte da filosofía neoliberal, conseguir con idénticas medidas (na letra) os mesmos efectos que Pequín nun período semellante?


Asemade, está crise sanitaria mundial deixa ao descuberto que o sistema económico-social neoliberal non é sustentábel, como tamén se reflicte dramaticamente a través da desfeita ecolóxica. Un modelo baseado no medre constante da mobilidade de persoas e mercadorías a longas distancias, por mor da produción de escala e da concentración e centralización da riqueza e do poder, co que isto implica en consumo de enerxía e contaminación. Metrópoles xigantescas, migracións e turismo masivos, zonas superpovoadas e outras, antes cun certo grao de desenvolvemento perdendo moradores, un crecemento demográfico carente de planificación. Son cuestións que a humanidade necesita resolver.


A resposta que se propón desde os sectores do capital hexemónico non mudan a matriz, non aprenden ren da lección, e dan como alternativa non depender dun só provedor (China), cando isto xa sucede en moitos sectores. Non se evitarían os efectos económicos negativos se os atrancos se deran en varios países ao mesmo tempo como cada vez é máis normal (por razóns sanitarias, ecolóxicas ou guerras). Tamén abraia que a CEOE aproveite a conxuntura pra intentar frear a derrogación da reforma laboral (culpábel dunha maior precariedade e perda salarial), e Casado pida rebaixar os impostos e as cotizacións pras empresas. Os custes quérense cargar sobre a clase traballadora. Neste sentido: quen costeará, e en que proporción, as axudas do Governo pra compensar as medidas polo coronavirus?


Este sistema económico e social está esgotado. Cómpre avanzar cara un modelo autocentrado, sustentábel, con xustiza social, onde as relacións entre nacións sexan entre iguais e solidarias. Hai reordenar a demografía facendo un mundo habitábel. Cada nova crise ecolóxica e sanitaria será no futuro máis grave, porque a transmisión será máis rápida e os recursos menores, en termos de capacidade de decisión política na defensa dos intereses colectivos. O povo vota cada catro anos a Bolsa e os lobbys todos os días, e os organismos internacionais privados deciden os litixios entre empresas e países, en privilexio do capital. Ulo a democracia como expresión da vontade popular?

Te puede interesar