Opinión

A cuestión de fondo está no reparto

O pago da débeda do IVE do mes de decembro de 2017 ás nacionalidades e autonomías, que non foi abonado polo cambio que naquel ano se realizou no método contábel, está a xerar unha dura confrontación co Governo central, xa que este coida que non habería motivo pra reclamación. Como é lóxico este tema tamén se utiliza pra o debate partidista. O tema venlle servido en bandexa á dereita pra manter a súa postura de confrontación co Executivo, coa finalidade de desgastalo e evitar cambios que lesionen os intereses dos grandes grupos económicos e as políticas centralistas. 

Agora ben, mesmo sendo certo que a liada foi montada na época de Cristóbal Montoro (Governo do PP presidido por Rajoy), que se debeu solventar no ano 2019, e que foi imposíbel facelo porque Pedro Sánchez careceu de apoios pra aprobar os orzamentos, nos que había unha partida con este fin, iso non impide que o faga o actual Governo, evitando por exemplo que Galiza perda 200 millos de euros. Aos que no noso caso hai que engadir a débeda pendente de 170 millóns en incentivos por cumprir os obxectivos fiscais durante dous anos. 

Que se trata dunha reivindicación xusta queda evidenciado porque os partidos da oposición, comezando polo BNG, Galicia en Común e As Mareas, tamén esixen o pago e pediron ao Presidente da Xunta que utilice a vía xudicial dado a falta de resultados das reclamacións realizadas. Asemade, aínda que o fixeron con atraso, o PSdG a través de Gonzalo Caballero pediu que se abonasen os 200 millóns. E tamén o fixeron por unanimidade o pleno de cidades como Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, con alcaldes/sas dese partido. A excepción foi Abel Caballero que afirma que o único que lle preocupa é a situación de Vigo, como se servizos como sanidade, ensino, dependencia, etc, prestados pola autonomía non tivesen importancia, colocando súa disputa política e persoal por riba dos intereses da cidade.

A diverxencia respecto da existencia ou non desta débeda, entre o Governo central e os autonómicos, pon en primeiro plano un problema de fondo, ou sexa: o reparto dos recursos entre as distintas administracións. Neste intre mentres que as nacionalidades e autonomías carecen de recursos abondo pra prestar servizos acaidos en áreas que son básicas pras clases populares, véndose en moitos casos obrigadas ao endebedamento, hai grandes cidades, e non tanto, que ademais de pagar todas as débedas, danse o luxo de realizar espectáculos a moreas e cun gasto excesivo. Pola súa banda os pequenos concellos están castigados ao recibir cantidades varias veces menores por habitante. É verdade que a xestión non sempre é comparábel, que a eficiencia e prioridade non é a mesma. Aínda así todo fai pensar que se estivo utilizando o reparto dos recursos como un mecanismo pra restar peso ás autonomías. Evidentemente o País Vasco e Navarra grazas ao cupo, quedan á marxe desta evolución regresiva. 

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, convocou pra o pasado venres o Consello de Política Fiscal e Financeira, na orde do día non figuraba a débeda, aínda que sen dúbida sairá a debate. A única proposta positiva que levaba a ministra é flexibilizar o déficit das autonomías no 0.2% e seguramente fixar os prazos pra unha reforma do sistema. Este último aspecto sería un avance, moito máis se como se reclama polo BNG, cando menos no caso de Galiza, vaise cara un sistema de cupo. Axudaría a cuestión catalá neste tema? Pode ser un incentivo tendo en consideración que a capacidade de autogoverno depende tanto das competencias como dos recursos que se xestionen, máxime cando son servizos e prestacións esenciais pra povoación. Esperemos que o Governo non teña ouvidos xordos pra unha reclamación tan ampla, máxime cando inclúe á súa base de apoio.

Te puede interesar