Opinión

Dando pulo á dependencia e ao atraso

Coa escusa da pandemia non son poucas as grandes empresas que están aproveitando a situación de alarma social, e das limitacións pra realizar accións de protesta masivas pola clase traballadora, pra levar adiante un proceso de eliminación de emprego mediante o peche e a deslocalización de empresas fóra da Galiza, que todo indica é máis agresivo do normal. En moitos casos a perda de emprego ten como finalidade trasladar as equipas de dirección ou que cumpren funcións técnicas avanzadas. Como parte dun proceso de aumento da centralización e concentración capitalista pra optimizar o lucro e reducir os centros de decisión. 

Non se trata dunha cuestión menor, tanto polo que implica en relación coa perda de emprego e salarios, senón porque ademais afasta cargos con responsabilidade das empresas da relación directa coa actividade produtiva e habitantes da contorna. Potenciando un papel cada vez máis subalterno do país na cadea de valor e das decisións executivas. Ou sexa, implica unha perda de poder cualitativa, mesmo cando as persoas deslocalizadas teñen unha función técnica. En resumo recrease o atraso, que no caso de Galiza é tendencia dominante, estrutural, como se amosa na caída demográfica das últimas décadas (un 7,65% da povoación do Estado español en 1970, e un 5,6% en 2019). Sen dúbida ten moito que ver, tanto coa dependencia política, as limitacións da autonomía e cos sucesivos governos conservadores na Xunta.

Estes retrocesos na economía, no emprego, na demografía, son máis acusados nas crise, porque os reaxustes fanse a costa dos territorios e clases máis débiles, aínda que teñan maiores potencialidades en materias primas e outras vantaxes. Neste caso a pandemia do covid acelerou un axuste produtivo polo esgotamento do sistema e a desfeita ecolóxica (enerxía verde, mobilidade) tamén no tipo de servizos (turismo de masas, transporte) que ademais afectan a distintas actividades produtivas e o desenvolvemento de proxectos alternativos. 

E neste aspecto o peche das centrais eléctricas de Meirama e en gran medida de As Pontes hai que consideralo un desmantelamento, xa que non existen alternativas de substitución da produción e do emprego perdido. Ao que se suma o traslado a Salamanca do “Centro de Operación da Conca” do río sil que ten Iberdrola na vila da Rúa. Dándolle como única opción ao persoal afectado marchar fóra do país ou o despido. O propio está a suceder co Centro de Operación de Rede de Naturgy da Coruña coa deslocalización das instalacións a Madrid, que pretende levar adiante esta empresa eléctrica, e que suporía o traslado forzoso dos seus 27 empregados/as. Outros dous sectores galegos estratéxicos, a construción naval e a produción de alumina-aluminio, están afectados en boa medida polos peches totais ou parciais. 

Datos do IGE dinnos que o sector industrial perdeu na Galiza 9.100 empregos entre o 4º trimestre de 2020 e un ano antes, malia a aplicación do ERTE en moitas empresas. Segundo ASIME os ingresos do metal caeron un 12% o pasado ano. Como se ve son cifras preocupantes pra un sector básico da industria, por máis que o foco da crise se poña case exclusivamente na actividade comercial, hoteleira, espectáculo, deporte, etc. pola súa relación máis directa coa pandemia.

Son momentos excepcionais nos que, ademais de lle pedir responsabilidade ás persoas polo seu comportamento, tamén hai que facelo coas empresas, comezando por aquelas máis fortes. Tamén teñen obrigacións coa sociedade. Non parece que así o entendan destacadas empresas da industria e dos servizos. O Governo central e a Xunta de Galiza teñen a obrigación de utilizar todos os medios pra evitar estes peches e traslados, máxime cando se trata de actividades estratéxicas, e afectan a comarcas cunha demografía en retroceso.

Te puede interesar