Opinión

Un debate que vai alén das pensións

Resulta difícil de entender que, coas eleccións municipais tan próximas, o PP non fixese un intento serio de neutralizar as protestas dos/as pensionistas. Por exemplo, comprometéndose Rajoy no debate parlamentar a un aumento das pensións igual ao IPC, e e algo maior nas que son máis baixas. Non foi así e reafirmouse nos seus argumentos tradicionais. Sobre todo en que na creación de máis emprego está a solución. 

Os argumentos de Rajoy non son críbeis. Xa que o medre do emprego, dende a crise está unido á precariedade e á rebaixa dos salarios, a horas extras en negro ou que non se aboan, e a cotas da seguridade social que non se pagan. Unha fraude á que hai que engadir, os falsos autónomos, os contratos de aprendizaxe e traballos “colaborativos”. Todo isto implica unha redución dos ingresos da Seguridade Social. Por se non abondase inventouse a tarifa plana, coa que se subvencionan as contratacións, en beneficio das empresas e persoas autónomas, reducindo aínda máis os ingresos do sistema en varios miles de millóns de euros. 

Asemade, a ligazón que Rajoy coloca entre pensións e emprego asalariado, cando se trata de garantir o sistema e manter o poder adquisitivo, utilízase só cando interesa. Non se usou nos miles de millóns cos que se axudou á banca, ou nos gastos militares que sempre superan as contías  orzamentadas, ou co recente aumento salarial a policías e gardas civís, que en tres anos será de 561 e 720 euros ao mes, respectivamente; un 25% máis de paga mensual.  

Todo evidencia que a actitude do governo varía segundo a clase e sector do que se trate. Non se dá unha postura única, e tampouco existe unha sensibilidade especial con respecto ás clases e colectivos máis desfavorecidos e dependentes. E cando aparentemente se teñen en conta, por mor da mobilización, é para aumentarlles un chisco a estes colectivos quitándollo ao chanzo de traballadores máis próximo en ingresos. Socialízase a pobreza, sen tocar os intereses das clases dominantes, da burguesía. Sintetizando, pola vía dos salarios, da redución da presión fiscal, das achegas á contratación, e das pensións, realízase unha transferencia de recursos da clase traballadora ás corporacións e grandes fortunas. 

As medidas transitorias que se propoñen pra manter as pensións, como a de compensar o déficit vía orzamentos, non son as solucións acaídas. Tendo en consideración que a presión impositiva susténtase nos salarios e no consumo (IRPF e IVE), implicaría unha redución vía fiscal da capacidade de consumo, dada a fraude fiscal empresarial e de autónomos. Un imposto aos bancos ou ás operacións na bolsa, sendo unha medida necesaria, que tende a equilibrar a presión fiscal, limitando os privilexios do capital, non é abondo. Non soluciona o problema de fondo: unhas condicións laborais que se continúan degradando, diminuíndo o peso do traballo no PIB en beneficio do capital. Sería unha medida que debería complementarse  con accións que distribúan e dignifiquen o traballo, e polo tanto as pensións, as prestacións sociais, os servizos públicos, e o reparto da presión fiscal.  

En calquera caso, estas ou outras medidas progresistas só serán posíbeis con mobilización social. O secretario da CIG, nas concentracións e manifestacións que esta realizou o pasado 15 de marzo, botáballes o reto a CCOO e UGT de convocar conxuntamente unha folga xeral polas pensións. Responderán? O debate das pensións non se reduce ao colectivo afectado, atinxe os alicerces do propio sistema, xa que relaciona as condicións laborais da clase traballadora, coas pensións actuais e coas futuras. Reflicte que sen garantir emprego a todos e todas, contratos e salarios dignos, non é posíbel que se aseguren os ingresos aos/as pensionistas, así como outros servizos e prestacións públicas.

Te puede interesar