Opinión

Demografía, dependencia e poder político

Sen dúbida a caída demográfica, e a emigración da mocidade, son dúas das eivas que frean o desenvolvemento de Galiza, especialmente neste contexto de crise, que causou unha caída do PIB que segundo as institucións internacionais non recuperará os valores previos á pandemia do covid19 até mediados ou finais de 2022 no Estado español. Que a natalidade sexa tan baixa é lóxico. Quen vai ter fillos/as con traballos precarios e salarios que apenas dan pra cubrir os gastos esenciais, aínda traballando dúas persoas na familia? Isto tamén é causa da emigración.

Sendo necesarias todas as medidas que busquen aumentar a povoación, xa que teñen un valor positivo, normalmente obviase o problema de fondo. Daquela que todos os intentos que se teñen feito non foron quen de frear a tendencia dominante, ou sexa de evitar que o noso país teña un papel cada vez máis subalterno, e moito menos pra reverter. Resultando un constante recuar demográfico, pola baixa natalidade e a emigración da mocidade, co que implica de perda de capital humano, tecnolóxico, cultural e lingüístico. Algo que non se compensa coa chegada de inmigrantes pra ocupar os empregos peor pagos, e manter o excedente de man de obra pra condicionar os salarios.

Facendo unha sinxela análise da nosa economía vemos que é menos diversificada na produción de bens primarios e na industria que hai varias décadas e, ademais, gran parte das empresas máis dinámicas pertencen a capital foráneo. Un proceso que se acentúa cada ano que pasa, así como o traslado das direccións e das áreas de investigación e comerciais, especialmente á capital do Estado. A evolución de Madrid, mesmo superando a unha economía como a de Cataluña, reflicte até que punto o poder económico e político están asociados, máxime nun mundo como actual, globalizado e neoliberal, e onde as relacións teñen moito máis que ver co acceso e control da tecnoloxía que coas potencialidades primarias e as distancias. 

Tampouco se pode comparar a evolución da demografía galega coa que teñen países ultra periféricos, senón que hai que facelo con aqueles que forman parte da periferia máis próxima aos centros de poder. Nestas as esixencias laborais e sociais condicionan fortemente a reprodución humana, xa que ter fillos/as implica importantes gastos durante, como mínimo, dúas décadas. Polo tanto, mesmo moitas daquelas familias que deciden procrear atopan unha morea de atrancos. E nestes casos a cuestión central é de falta de traballo, así como as lacras da precariedade, baixos salarios, xornadas extenuantes, desigualdade de xénero. Estes son os problemas fundamentais, que están vencellados a un sistema económico e social que alenta a desigualdade, e a que a nación galega carece de soberanía abondo, polo que ten un papel subalterno na cadea de valor en beneficio dos centros de poder político e económico, chámense Madrid, Alemaña ou Estados Unidos. 

É verdade que non todas as empresas galegas teñen un papel subordinado ou están en mans foráneas, mesmo hainas que investigan e crean sucursais no exterior, mais son unha excepción, e polo tanto non modifican o diagnostico. O importante en calquera análise é diferenciar o principal do secundario, así como ter en consideración cal é a tendencia dominante. E, nesta etapa histórica hai unha clara evolución regresiva pra Galiza que se constata no desmantelamento, dun xeito definitivo ou progresivo, dependerá das resistencias e dos intereses en xogo, de sectores como o enerxético, naval, aluminio... Necesitamos de forzas propias poderosas, nas institucións e na rúa, pra ser tidos en conta, senón veremos como se consolida esta nova gran reconversión coa escusa da pandemia... pra seguirmos sendo o furgón de cola, malia a riqueza potencial da Galiza e o esforzo individual. 

Te puede interesar