Opinión

Demografía, precariedade e fuga de capitais

O desastroso resultado demográfico do primeiro semestre do ano na Galiza, cun aumento histórico do diferencial negativo das persoas que nacen e as que morren (9.135 e 17.747 respectivamente), deixa en evidencia as políticas negativas por parte da Xunta de Galiza e o Governo central. En realidade non podía ser doutro xeito, porque non se corrixiu ningún dos motivos importantes, non subxectivos, que dan azos á caída da natalidade. A escusa de que as familias non teñen descendencia, ou téñena máis tarde, por motivos profesionais ou doutro tipo, é sen dúbida unha das razóns, porén hai décadas que é así. En sintesis, o problema é cada vez máis grave, e todo son divagacións, que pase o tempo, e non se entra no fondo da cuestión, porque afecta os intereses das clases dominantes.  

Teño tocado esta problemática outras veces, poñendo a acento na precariedade laboral e os baixos salarios, que afectan moi especialmente á mocidade, limitando as posibilidades de formar parella, ter casa, e tomar a decisión (nada fácil) de criar fillas e fillos. Ademais, empurrase a un sector moi grande da xuventude á emigración. Neste último caso perdese capital humano, que custa formar, e que sairá gratis ao país receptor, onde contribuirá a construír riqueza e pode que unha familia.  

Sen eliminar os contratos temporais, a rotación cada vez máis estrema, os falsos autónomos, as xornadas laborais extenuantes como consecuencia de sumar horas extras que non se cotizan e que a maior parte non se pagan, así como uns salarios baixos e que van perdendo poder adquisitivo, é unha utopía pensar que se pode recuperar a natalidade. Están postas todas as condicións pra que evolución sexa negativa, daquela que se faga énfase na inmigración. Tratase de conseguir de balde man de obra barata. Algunhas posturas pouco teñen que ver coa solidariedade, é pura cobiza, procuran aumentar a taxa de beneficio cunha maior explotación. 

Cómpre rematar coas horas extras ilegais, reducindo así o desemprego. A caída da man de obra de reserva daría pulo a un medre dos salarios. Tamén axudaría neste aspecto derrogar as reformas laborais, a Lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, xa que axen como mecanismos pra disciplinar á clase traballadora. Agora ven, a tendencia regresiva antes comentada, ademais está relacionada co feito de que somos un país exportador neto de capital, tanto a outras nacionalidades e a autonomías do Estado español como co resto do mundo.  

Esta fuga de capitais, que amosa o carácter dependente e subalterno da Galiza, faise a través de dúas vías. A primeira, que as principais empresas, as máis dinámicas, pertencen na actualidade a capital foráneo, polo que repatrian os beneficios. A segunda, consiste na exportación de capitais, seica co obxectivo de internacionalizar ás empresas “pra ser máis competitivas nun mundo globalizado” (mesmo con axudas públicas). Creamos traballo fóra con capital galego. En concreto entre 2005-2015 o investimento exterior foi de 10.326 millóns (o 2,6% do EE), e a chegada de capitais foi de 1.682 millóns (un 0,8% do EE). Ao que hai que sumar as saídas e entradas de capitais co resto do Estado, nas que a tendencia será semellante. 

Existe unha interdependencia entre as condicións laborais e sociais e o grao de soberanía. Daquela que Alemaña teña un PIB/persoa dos máis altos da UE, e que no Estado español sexa Madrid (o PIB/persoa galego é dun 63,5%). O comportamento demográfico é unha expresión máis desta realidade, poderiamos dicir outro tanto da cuestión lingüística. A centralización e concentración do capital e do poder páganse máis caros cando se é dependente e se asume un papel subalterno. O primeiro paso pra frear e reverter esta tendencia é ter forzas propias maioritarias. Exemplos hainos, e non están tan lonxe.

Te puede interesar