Opinión

Dependencia, urxen medidas estratéxicas e solidarias

Segundo un informe que realizou a central sindical CIG, a partir de dados do Imserso, no ano 2017 había na Galiza 11.858 persoas dependentes sen atender con dereito a prestación, dun total de 67.228. Non é unha cuestión menor, máxime cando o avellentamento da povoación agranda co tempo o problema. Engade o informe que a axuda a domicilio era a prestación máis frecuente, atinxindo o 32% das persoas dependentes, 20.465. Outras 13.392 recibían achegas económicas por coidado de familiares, e 20.285 estaban en residencias. 

Estas últimas constitúen só o 5,5% do total no Estado español, por debaixo da porcentaxe de habitantes do país. Daquela que o informe destacase que “Galiza, xunto con Andalucía, era a cuarta autonomía con menos prazas nas residencias por habitante con máis de 65 anos”. Ademais, un 79,5% das 342 residencias tiña carácter privado. Ou sexa, seu obxectivo fundamental é o lucro. As familias van ter que costear en boa medida o custe da estancia nestes centros, que non son precisamente accesíbeis para un salario baixo e medio, ao que se engade a oposición de moitas persoas maiores a deixar o fogar, a maioría das veces por prexuízos infundados. Por ambos motivos a atención por parte de familiares é tan grande, máxime cando a comparamos cos países do norte de Europa, onde as residencias públicas practicamente abranguen o total das necesidades. 

En poucas palabras, a falta de oferta pública de prazas en residencias é unha cuestión estrutural que agrava o problema, polo que se lle debería dar prioridade, se se quere evitar unha situación insostíbel pra unha boa parte das persoas dependentes e das familias. Co engadido de que esta eiva limita a plena utilización da man de obra existente, e por outra banda, a utilización das residencias como unha solución normal pras persoas dependentes, ademais de dar unha atención plena, sería unha fonte de emprego, algo esencial tendo en consideración a alta taxa de paro. 

Non se pode obviar que o coidado familiar das/dos dependentes hipoteca en moitos casos e durante moitos anos a vida das persoas que os atenden, polo que esta non debería ser a solución que desexa ningunha nai ou pai pra seus fillos e fillas. Pra evitar estas situacións, ademais de que funcione a solidariedade a través dos servizos públicos, cómpre un debate social que coloque a problemática  do benestar mutuo da familia e da colectividade no seu xusto lugar, rexeitando modelos de aparencia que non corresponden, nen son efectivos neste sistema socio-económico e de hábitat. 

É necesario que a prestación se estenda a todas aquelas persoas que non teñan recursos abondo, ou que os complete. Así como que os aloxamentos sexan dignos, en habitacións individuais e cunha atención axeitada. Non poden ser cuarteis, como sucede moitas veces, agás para aqueles/as que pagan suplementos que non están ao alcance de todos. De pouco vale gabarse de que a media de idade é moi alta no país, cando moitas desas persoas vense obrigadas a vivir en condicións indignas, nunha etapa da súa vida na que non teñen ningunha capacidade pra evitalo. 

Tampouco se pode esquecer que a atención á dependencia, tanto das persoas maiores como daquelas que o son por outros motivos, afecta esencialmente ás mulleres. Un 63% das/os dependentes atendidas nos fogares son mulleres; e esta tarefa realízana nun 87% persoas do xénero feminino. Outro aspecto que cómpre destacar é que seis de cada dez coidadores/as sofren depresión, xa que normalmente a atención prolongase toda a xornada, sen vacacións e durante moitos anos. Dá pra reflexionar sobre os custes humanos. Non é unha cuestión menor, e deixa en evidencia a importancia da profesionalización e das residencias de titularidade pública como a opción prioritaria.

Te puede interesar