Opinión

Desescalada, autonomías e provincias

Aevolución no noso país da pandemia, tanto pola redución do número de contaxios activos, persoas hospitalizadas e falecementos, permite pensar que pasará á fase dous sen grandes problemas. Mesmo así quedan retos pendentes de consolidar nos vindeiros meses, como actitude preventiva diante dun “rebrote” do covid-19 ou un novo virus, refírome á cantidade de leitos, a dispoñer do material e persoal sanitario necesario, así como a terminar co alto grao de temporalidade existente. Avanzar nestes aspectos será fundamental nos centros de saúde, que terán agora o papel de identificadores das persoas contaxiadas e decidir as primeiras medidas preventivas. Aínda que a tendencia é a esta altura positiva non se pode ignorar que non existe unha vacina, que o turismo exterior que veña no vrau implica un reto, xa que se pode importar o virus, máxime cando algunha das zonas tradicionais de orixe das/os viaxeiros teñen niveis de contaxio moi superiores ao noso. 

Cómpre pasar de fase sen facer trampas, sabendo que un retroceso sería máis negativo tanto no ámbito sanitario como económico, e que a seguridade tamén é esencial pra recuperar a plena actividade no eido laboral, social, cultural e política. Esta cuestión ten maior transcendencia cando se cumpre un rol subordinado dos grandes centros de poder, e que historicamente buscan transferir os custes das crises á periferia. Polo tanto resulta difícil de entender que se toda Galiza está na mesma fase, e os dados sanitarios son moi semellantes, por non falar do tipo de hábitat, cultura e comportamento social, e dado que vivimos no Estado das Autonomías, non se permita nesta nova fase a libre mobilidade en todo o territorio, tal como solicita a Xunta e o BNG. Que se teime en impoñer a provincia até o final do Estado de Alerta, aínda que se negue o nesgo político-ideolóxico da decisión deixa dúbidas, máxime cando a competencia de sanidade está transferida. 

Na escolla da provincia como distrito, obviando que existe un Estado das Autonomías, que cando interesa tanto se gaba. Nunca se dan argumentos concretos, mais tanto o aspecto sanitario como o político-administrativo fortalecen ás comunidades autónomas como o referente incuestionábel. A escusa de limitar a mobilidade non vale, porque esta non se pode separar da contía da povoacion dun territorio. Por exemplo Madrid, sendo uniprovincial, ten case que o triplo de habitantes que Galiza nun área moito máis pequena, polo que a mobilidade da xente multiplicase varias veces respecto da nación galega. Se o criterio fose limitar a mobilidade tanto Madrid como Barcelona e outras provincias deberían subdividirse en áreas, máxime cando a incidencia dun virus é moi superior ao de territorios máis extensos e menos povoados, como Galiza. Tampouco se pode obviar que tanto en contaxios, como en mortes, persoas hospitalizadas, as provincias galegas galegas teñen valores moi semellantes. 

Este non é un tema menor no caso galego, e supoño que noutras autonomías, nas que unha grande parte da povoación ten relacións familiares en varias provincias da autonomía, porque estas nunca foron unha referencia económica, social e cultural, só tiveron un papel administrativo. Permitir que unha persoa de Vigo visite a alguén en Celanova ten todo o sentido do mundo. Se cadra o marco provincial valga nalgunhas autonomías que naceron con certa artificialidade, porén non responde á lóxica sanitaria, económica, cultural e histórica en realidades como a galega. Malia as evidencias todo indica que o Governo central non está disposto a escoitar esta solicitude, sen dar ningún tipo de argumento máis alá de que así controla mellor a mobilidade (non será porque temos que esperar por Madrid?). Por unha o outra razón seguimos atados ao centralismo.

Te puede interesar