Opinión

A desfeita ecolóxica ten moitas caras

Non son poucos os grandes problemas da humanidade que neste intre cuestionan o seu futuro. Estes van dende a confrontación entre as grandes potencias, dado que Estados Unidos non quere compartir a súa hexemonía, ignorando asemade as soberanías nacionais e regras internacionais, até un esgotamento do capitalismo e a acelerada desfeita dos ecosistemas. Como consecuencia: a intervención militar e política exterior esmaga economicamente aos países afectados máis débiles, medra no mundo tanto a desigualdade territorial como entre clases sociais, aumenta o carácter delitivo e especulativo no ámbito empresarial e a violencia social, e as migracións son masivas. 

A todos estes males sumase o feito de que os ecosistemas e polo tanto a humanidade están en perigo: grandes variacións do clima, os lumes en bosques e selvas, a contaminación, o medre das áreas desertas, os asolagamentos imprevistos, os plásticos que enchen ríos e mares, a desaparición de especies... Polo tanto, todas as medidas que se tomen son poucas e as protestas que esixan solucións inmediatas son necesarias, dado as actitudes refractarias que existen ao respecto por parte dos/as dirixentes de moitos países e empresas. Comezando por Trump, que retirou estes días oficialmente aos Estados Unidos do acordo sobre o clima de París. 

Entre as medidas urxentes están a eliminación das actividades máis contaminantes, por exemplo as centrais térmicas, porén non se pode obviar que isto implica non só planificar con tempo os peches, senón sobre todo crear empregos alternativos. Especialmente cando se trata de nacións e bisbarras castigadas polo paro e o retroceso demográfico, penso na Galiza e en centrais como as de Meirama e As Pontes. Tampouco se pode obviar que no caso da electricidade a produción en base a renovábeis debe ser complementada con enerxías que non dependan das variacións do clima, como son o gas, carbón, petróleo, centrais atómicas... Cantas e en que lugares se manterán este tipo de centrais? Aclarar estes aspectos non é importante. Non se pode obviar que o sector primario e a industria teñen un carácter multiplicador tanto do PIB como do emprego.

Dado a complexidade do tema, resultan difíciles de entender as accións reivindicativas que non analicen todos os aspectos. Entre eles, que a globalización neoliberal deu pulo á economía de escala, levando ao límite o transporte a grandes distancias de mercadorías, o turismo de masas, as urbes xigantescas, e unha man de obra precarizada e en constante desprazamento. Ao que se lle debe engadir o medre demográfico en certos países, e a renovación cada vez máis curta de todo tipo de maquinaria e trebellos. Como resultado de toda esta suma temos un modelo económico e social insostíbel, ademais de inxusto xa que aumentou a estratificación e desigualdade. O capitalismo está na súa etapa senil, urxe un novo modelo sustentábel e autocentrado, ou sexa: cómpre reordenar o territorio, achegar a produción ao consumidor, eliminar as actividades contaminantes, ter en consideración o esgotamento de materias primas, controlar a demografía, e potenciar a solidariedade entre nacións. Hai que mudar o modo de vida.

Hai empresas para as que a loita contra a contaminación é un negocio, e mesmo así ten un lado positivo, porén tamén representa un perigo, porque seus beneficios están ligados a que o problema se manteña no tempo. Daquela, a importancia da centralidade do público e dun control exhaustivo polos governos. Cómpre tomar medidas efectivas contra a desfeita ecolóxica, aportando solucións que ofrezan alternativas e que repartan os custes económicos, laborais e sociais dun xeito equitativo. O ecoloxismo non se debe converter en ningún caso nunha nova arma para seguir esmagando aos países dependentes. Sería moi grave que así fose.

Te puede interesar