Opinión

Electorado indeciso (sen alternativas)

Se algo deixa en evidencia este proceso electoral é a enorme fragmentación partidaria e a altisima proporción de persoas indecisas, máis alá das que ao final terminen votando, mediante mecanismos que utilizan máis os temores que o atractivo dos proxectos. Polo tanto, o problema non estará solucionado, porque a baixa participación seguirá presente no futuro, xa que responde á falta de alternativas que ilusionen ás maiorías. 

Este pesimismo social é especialmente relevante na mocidade, como consecuencia de que a maior parte dos avances sociais das últimas décadas, que foran conseguidos a través de fortes loitas laborais e populares, colócanse hoxe en entredito polas clases dominantes. E, diante dunha perspectiva tan negativa, resulta preocupante que a esquerda cun maior peso institucional careza dun proxecto e unha folla de ruta, pra alén das consignas, para superar a globalización neoliberal.

A escusa pra estes axustes é a competitividade, especialmente con China que seica utiliza a deflación laboral pra gañar mercado. Agochándose con esta simpleza que a maioría das empresas exportadoras son de capital occidental, e cos salarios medios en China xa son superiores aos de México e Bulgaria. Asemade, os lucros empresariais non deixaron de medrar no Estado español, tanto polo aumento da produtividade, como pola caída dos salarios e a rebaixa da presión fiscal sobre as empresas, especialmente as máis grandes. 

Como clase, os capitalistas viron crecer os seus beneficios, mentres que prás forzas do traballo medrou a precariedade, a xornada e o ritmo laboral, e baixaron salarios e as prestacións esenciais. En poucas palabras, aumentou a desigualdade entre clases e dentro delas. Unha fragmentación que se trasladou ao eido partidario, e que se utiliza polas minorías máis favorecidas pra dar pulo á centralización e concentración da riqueza, e pra secuestrar o poder político e facer o propio dun xeito subliminal respecto da conformación do imaxinario colectivo. 

Tampouco se pode obviar a incidencia do consumo na regresión social, xa que non deixan de aumentar os prezos de bens e servizos esenciais, como os alimentos, enerxía, telecomunicacións, vivenda, despois dunha primeira fase de caída pra eliminar a competencia local. Un feito asociado ao control do consumo polas grandes corporacións (un mercado que nunca estivo á marxe das forzas que teñen o poder). En resumo: a tendencia dominante, a medida que avanza a globalización, amosa unha caída da calidade de vida das clases populares, tal como se reflicte en que máis dun 57% das familias na Galiza teñan dificultades pra chegar a final de mes. 

Estas eivas e atrancos de fondo, que se agravan nos países dependentes e/ou cun papel subalterno, como é o caso de Galiza, non fixeron parte da disputa destas eleccións xerais, ou tiveron un papel secundario no discurso e na oferta programatica. Cuestións tan primarias, como debater até que punto no mundo occidental é necesario un crecemento da produción, cos seus custes medioambientais,... ou se a riqueza producida xa é abondo. Polo que, a cuestión central sería o reparto de ingresos e do traballo, e ampliar as prestacións públicas. E como se evita a expatriación de parte do PIB polas empresas foráneas, e como se elimina a imposición dende o exterior de regras pra infravaloración do traballo. 

A violencia, a especulación, a corrupción, coa súa perversa ligazón entre o privado e o público, son temas graves que hai que combater con firmeza. Porén estes aspectos urxentes non se poden utilizar para escurecer e adiar cuestións que afectan acotío á existencia da maioría social, como son o desemprego, a precariedade e os salarios, a sanidade, as pensións, a dependencia,... e no caso de Galiza tamén a defensa da cultura e lingua nacional. 

Te puede interesar