Opinión

Emigración: traxedia ou oportunidade?

A migración é un tema constante nos medios, e ten súa lóxica, con millóns de persoas forzadas a  marchar pola pobreza estrema, a violencia, ou o cambio climático. Todo por mor do trato subalterno e a depredación, e un sistema produtivo e distributivo inxusto que agrava a cuestión. Como noutras etapas, nestes movementos de povoación hai moito de espellismo, lembremos a emigración masiva de galegos e galegas á América Latina, primeiro, e a Europa despois, e o reclamo da imaxe do retornado cun “aiga” na porta da casa. 

Ademais, o troque “beneficioso” de moeda dá folgos a esta riada humana, así como a existencia nos países receptores de saúde e ensino públicos, e axudas a colectivos marxinados. Mesmo así, a taxa de desemprego e precariedade é moi superior entre os inmigrantes, e un 54% das familias que veñen da América Latina están por debaixo da liña da pobreza. Polo tanto, a problemática migratoria non se soluciona con abrir as portas a todos/as os que desexan vir. Tampouco é verdade que polo simple feito da chegada a Galiza xa se xera consumo, riqueza e postos de traballo. En realidade o proceso é ao envés, nas economías cun gran medre do PIB, por exemplo por efecto da exportación e con taxas de desemprego moi baixas, a inmigración axuda a soster o crecemento. Cando non é así, e existe unha taxa de paro alta, a inmigración aumenta a man de obra de reserva, ou sexa: afecta as condicións laborais, os salarios, en beneficio do capital. Mesmo pode substituír man de obra nacional e dar máis azos á emigración, máxime cando existe como tendencia histórica. Non será esta unha característica desta problemática na nación galega?

Na cuestión migratoria cómpre casar solidariedade con recursos e xustiza social. Ante todo non se pode obviar que a emigración é unha traxedia, que desfai familias e come os mellores anos de vida das persoas. Na maior parte dos casos todo o tempo das persoas ficará hipotecado polo traballo. Por outra banda, o país de orixe perde gran parte das persoas máis activas, tratase na práctica dunha descapitalización. E, como inmigrantes incorporaran, sen pretendelo, unha nova tarefa que lles asigna o sistema, a de ariete contra os dereitos laborais. Asemade, será mínima a incorporación á actividade sindical e política, e existirá unha tendencia natural a agruparse por nacionalidade de orixe. Iso pasaba hai medio século e segue a pasar hoxe, malia o pretendido multiculturalismo (vexase a conflitividade que se dá en Suecia, Francia e outros estados). 

A migración non se pode tratar como o turismo, e moito menos como as viaxes de Erasmus. Polo tanto, cómpre desenvolver proxectos de integración a todos os niveis, dende o cultural, até o social, sindical e político. Non facelo construirá guetos que un día terminaran estoupando. É fundamental eliminar a depredación que se fai dos recursos dos países de procedencia da inmigración, e que se lles adxudique un papel subalterno na escala de valor, pra que as corporacións trasnacionais obteñan inxentes beneficios a costa da sobreexplotacion. Cómpre rematar coa globalización neoliberal, transferir tecnoloxía moderna de xeito solidario, pra avanzar na construción dun mundo onde traballo e a riqueza se distribúan dun xeito xusto. 

Os procesos migratorios masivos, forzados, non son unha solución ¡son un problema de todos e todas! Baséanse en hipotéticas oportunidades construídas sobre a traxedia e a precariedade. Poucos emigran por aventura, a maioría realizaran traballos por debaixo da súa capacidade, e os procesos de integración nunca son doados, tardan xeracións. Tratar estes temas que afectan ás relacións humanas como unha cuestión empresarial, ou de caridade, á marxe da planificación e regulación, amosa até que punto todo está ao servizo do mercado, do individualismo.

Te puede interesar