Opinión

Enquisas, tendencias e abstencións

Volveuse unha normalidade que antes dos procesos electorais se publiquen numerosas enquisas que, segundo as preferencias de quen as encarga, poden ter un nesgo favorábel ao partido que governa ou a aqueles que se atopan na oposición. É así porque as enquisas teñen a súa incidencia no comportamento electoral, alentando ou non a participación, por exemplo, cando a disputa está moi axustada. Porén tamén contribuíndo á transferencia do voto entre partidos, que o electorado coida moi próximos naquelas propostas que considera importantes, e que segundo as enquisas garanten que o voto non se perda por falta de representación ou porque esta non é decisiva. 

Nas enquisas realizadas a finais do pasado mes as tendencias dominantes, que son as que importan, consolidan a maioría do PP, aínda que algunhas reflicten unha pequena perda de deputados/as; porén todas coinciden nun retroceso importante da coalizón UP+EU+Anova. Un descenso do que se beneficiarían o PSOE e o BNG, practicamente en partes iguais. Que fose deste xeito indicaría que unha gran parte do voto de “Galicia en común” volve aos seus partidos de orixe, deixando en evidencia que a pretensión de construír unha “fronte popular” ao estilo das últimas eleccións da 2ª República non callou socialmente. 

O resultado non podía ser outro, xa que a conxuntura é moi diferente. Ademais, tanto UP como EU non puxeron na centralidade das súas análises e reivindicacións, é dicir na praxe cotiá, a problemática galega, que era o importante. Esta eiva fíxose máis evidente coa formación do Governo de coalizón, polo que foron perdendo parte da base electoral nacionalista, mentres que outra parte entendía que o acordo co PSOE esvaía as diferencias iniciais, e amosaba un xiro do primeiro á moderación e da “socialdemocracia” cara a esquerda. 

Esta é a tendencia máis importante que salientan as enquisas: o retroceso de UP+EU+Anova (e das Mareas) en beneficio do PSOE e sobre todo do BNG. E non será doado que esta evolución se reverta, mesmo que se tomasen medidas de emerxencia tan necesarias e positivas coma a do ingreso mínimo vital. UP terá que disputar co PSOE tanto a paternidade como quen fixo posíbel a súa viabilidade. Ademais ten que asumir no aspecto negativo a demora en poñela en práctica, así como o adiamento unha e outra vez da derrogación da reforma laboral, da Lei Mordaza, do artigo 315.3 do Código Penal. Governar tamén ten seus custes.  

Non se pode obviar que en boa medida os resultados das enquisas pras eleccións autonómicas débense á abstención, xa que esta afecta sobre todo á clase obreira e á mocidade (como acontece en todo os países da UE). Ademais a abstención é mais elevada nas eleccións galegas (36,25%) que nas xerais (33,38%) e municipais (32,19%). 

Todo indica que pra mudar a tendencia actual a esquerda (soberanista e estatal) necesita ofrecer un proxecto alternativo que teña máis en conta a estes sectores sociais que están á marxe nas eleccións, mais non das loitas laborais e populares. Un proxecto no que sintan que seu voto permitiralles contar con voz propia (e nisto importa tanto o programa, como as prioridades, a composición das candidaturas e as persoas de referencia, e a mensaxe). Como exemplo positivo, Nestor Rego e o BNG pedindo a nacionalización de Alcoa. Un proxecto que os ilusione e que lles ofreza garantías, porque non se pode obviar que se trata de sectores duramente castigados ou relegados durante décadas por governos de todo tipo. Os matices a este respecto, que os hai, teñen máis importancia na análise teóricas que nas percepcións concretas. Rebaixar á mínima expresión a abstención, aumentar a participación, é a materia pendente de calquera forza que procure unha transformación real... unha maior igualdade, xustiza, soberanía e democracia. 

Te puede interesar