Opinión

ERGA o estudantado rebelde

Hai medio século nacía ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos), unha organización de base que ía ter na década dos 70-80 moita importancia no estudantado, e no nacionalismo como viveiro de militantes cualificados pra o campo sindical e político. ERGA xurdía como unha “tendencia” da UPG, ou sexa, formada por militantes e simpatizantes do nacionalismo transformador, e que tiña como un dos seus obxectivos ser o xerme dun sindicato de estudantes unha vez conquistada a democracia, por entendermos que estes eran un “grupo social con reivindicacións propias”. 

Cando a UPG me encargou a organizar aos universitarios que estaban achegados en Compostela, xa que coidaban ca miña experiencia en Bos Aires neste campo podía ser unha vantaxe, non me gustou a proposta xa que volvera poucas semanas antes ao país pra me integrar na loita política dentro do movemento obreiro (un retorno alentado por unha carta de Lois Soto desde México e as folgas de marzo e setembro). Pra levar adiante este obxectivo a UPG púxome en contacto con Anselmo López Carreira, Méndez “o rubio”... e a través deles con con Suárez Canal, con Marisa de “Fonsagrada”, Bernardo, Casado, “o Indio”, Chus Pato... etc., 

Ademais liguei con Xosé Paz, xa que seu irmau viñera de visita no mesmo barco no que eu retornei. Xosé tiña organizado un grupo de mozos/as da comarca de Ferrol (Suso, Che Mari, Gonzalo, Pepe Barros, etc). Fora militante da esquerda brasileira, tanto no movemento obreiro como na loita clandestina contra a ditadura, e volvera a Galiza había uns anos. Estes dous grupos foron os que formaron o primeiro núcleo de ERGA. 

A chegada de ERGA á universidade e ás escolas secundarias foi un revulsivo e un imán pra aqueles mozos e mozas que pensaban que a loita de clases e a liberación nacional eran na Galiza un mesmo proceso. En poucos meses axuntouse a unha parte importante dos/das estudantes máis activos, disputándolle o terreo a outras alternativas da esquerda que levaban anos consolidadas, o que reflectía que tanto no plano obxectivo como subxectivo ERGA facía unha caracterización correcta: existía unha interdependencia entre clase e a cuestión nacional na Galiza, e as persoas contactadas realizaron exemplarmente as tarefas en materia mobilizadora, axitativa, divulgativa e organizativa. 

Non se pode obviar que os primeiros militantes de ERGA tiñan moitas cousas en común. Unha maioría eran persoas que chegaran á universidade caneando dificultades, facían “números” pra chegar a fin de mes, e tiñan unha orixe rural ou dos barrios cidades. Eran na universidade un produto novo, criado polo desenvolvemento industrial dos 60 e a emigración a Europa, que sentían o rexeitamento dun medio configurado pola dereita, e eles querían abrirse paso fronte a un sistema académico e político que non respondía ás inquedanzas da maioría social. Este foi un dos motivo polo que ERGA, unha organización clandestina durante a ditadura, acadou en tan pouco tempo tanta forza, o outro, o fundamental, foi: dar unha resposta axeitada á realidade estudantil, ter como principio a identidade nacional de Galiza, facer unha proposta progresista no social, loitar polas liberdades democráticas, buscar a participación máis ampla e considerar ca vontade dos povos pode transformar as situacións máis adversas. 

Os primeiros pasos déronse en decembro de 1972, e a mediados, nunha xuntanza no Monte da Condesa (en Compostela) debateuse o nome da organización e do boletín (Lume). Despois viñeron as reunións clandestinas, as otavelas, intervir en galego nas aulas, as pintadas masivas pra darse a coñecer,… Tamén axudou a participación nas protestas polo asasinato de Chema Fuentes, previa a esta reunión, facendo baricadas, que era seica unha novidade (e normal na América Latina).

Te puede interesar