Opinión

A esquerda debate o tema migratorio

En Alemaña a cuestión migratoria está a debate en Die Linke (A esquerda).  Hai sectores do partido que afirman que a actitude diante do fenómeno migratorio é máis “moralista” que “materialista”, e destacan que “as fronteiras abertas en Europea tradúcense en competición por traballos mal pagados”. Con esta mensaxe queren recuperar á fracción da clase traballadora que foi engaiolada por Alternativa pra Alemaña, unha forza de extrema dereita. Seica as diferenzas son tan fortes que poderían dar lugar a un novo movemento, ademais sumaríanse a esta iniciativa membros do Partido Socialdemócrata e do Partido Verde. 

Non só en Alemaña a esquerda ten problemas pra resolver a contradición, entre querer defender os intereses da clase traballadora, e promover políticas de portas abertas á inmigración. Un fenómeno que incide directamente no recuar das condicións laborais. Sen dúbida hai máis razóns que alentan a precariedade e os baixos salarios, como a deslocalización empresarial e o pactismo dos sindicatos ligados aos partidos sistémicos. Agora ben, mesmo así, non se pode obviar que a porcentaxe de man de obra de reserva está vinculada coa maior ou menor capacidade presión da clase obreira. 

Esta problemática non se vive igual por toda a clase traballadora. Non é igual a situación do traballador ou traballadora precario ou pouco cualificado, que a do empregado e empregada do sector público, ou con contrato fixo, ou aqueles que na empresa privada ou pública ocupan cargos de dirección ou intermedios. No imaxinario destes últimos a disputa por manter emprego é algo remoto e, en moitos casos, a inmigrante será súa “empregada” pra atender a casa e familia. 

A clase alta e unha fracción da clase traballadora acomodada pode resultar beneficiada pola inmigración, mentres que pra o precario e aquel con traballo pouco especializado implica máis dificultades na vida. Nos primeiros a esquerda, tal como evolucionou, ten un peso importante en militancia e voto. Daquela que, segundo as enquisas, en todos os países “desenvolvidos” a clase obreira opta cada vez en maior medida pola abstención, e nalgúns estados tamén pola extrema dereita. Dá que pensar. A inmigración non regulada, tamén é unha competencia pra os inmigrantes residentes que chegaron en ondas anteriores, unha confrontación que se reproduce ademais entre os que están legais e aqueles en situación ilegal, dispostos-obrigados a aceptar todo tipo de abusos. 

A cuestión da inmigración debe analizarse respecto do contexto de cada país, e dar prioridade ás persoas residentes, nacidas ou non no territorio. Ademais, non é certa a escusa de que todas as persoas inmigrantes veñen fuxindo da guerra e da violencia. E mesmo sendo verdade ¿hai capacidade pra lles dar a todas vivenda, traballo digno e servizos públicos?  Non se pode obviar que, por exemplo na Galiza, hai un 20-25% de persoas por debaixo da liña de pobreza, que 66.000 familias teñen todo seus membros no paro, e milleiros de mozos e mozas emigran cada ano diante das dificultades pra atopar traballo, ou por mor da precariedade e dos baixos salarios. 

 Pra rematar coa inmigración forzada e masiva, polas guerras, miseria e super-explotación, o correcto, tanto en Alemaña como na Galiza, sería loitar pra que rematen as políticas imperialistas. Evitando deste xeito que o inmigrante sexa ariete contra a clase obreira en destino, e vítima do capital en orixe e no país receptor. Cómpre transferir ás nacións de orixe axudas extraordinarias e tecnoloxía, realizar un comercio exterior xusto, e evitar que perdan recursos humanos. E por suposto, débense realizar inspeccións efectivas e constantes nas empresas; e legalizar aos inmigrantes que vivan na UE en situación de irregular. Actuemos no presente pensando no futuro.

Te puede interesar