Opinión

Facendo trampas coas estatíticas

Os últimos dados oficiais sobre as condicións de vida das familias na Galiza son ilusionantes, e glorifican aos partidos governantes. Segundo o IGE as familias que teñen dificultades e moitas dificultades pra chegar a final de mes diminuíron no último ano nada menos que 11,5 puntos. Alguén pode crer isto? máxime cando a desigualdade e o subemprego medra, o paro mantense en cifras tan altas, e os salarios e pensións perden poder adquisitivo. 

Estes dados sobre a situación das familias chocan co feito de que se manteña a emigración, aumenten as persoas desprazadas que buscan noutra autonomía ou nacionalidade un contrato temporal, e coa caída constante de habitantes. Un país que crece en termos económicos e mellora en condicións sociais ten un saldo positivo de povoación, nunca a expulsa, como é caso da Galiza. 

Esta información parcial busca condicionar a opinión pública, obviando a fuga de capitais, e o papel cada vez máis secundario que xogamos na cadea de valor. Ignora que o PIB medrou na Galiza nun 1,8% no 1º trimestre de 2018 e un 1,8% no 2º; mentres que o emprego creceu moi por riba no 2,6% e no 3,2% nestes períodos. Ou sexa, que aumentan as actividades pouco cualificadas, os baixos salarios, os contratos a tempo parcial e eventuais, e unha gran parte das horas extra non se pagan nen se cotizan. Son actividades onde o sindicalismo carece de representación, como as pequenas empresas (servizos, construción, talleres...). O que deixa en evidencia que o Estado non fai cumprir a lei, cando non existe presión abondo. 

Tampouco son alentadores os dados de emprego de setembro, por máis verniz que se lle poña, se os comparamos co Estado español. No último mes, o paro subía en maior proporción na Galiza que no Estado (en 1.896 persoas fronte a 20.441). Son peores os dados da seguridade Social, xa que o retroceso das afiliacións atinxiu 6.500 persoas, cando no Estado español aumentaba en 22.899. Unha tendencia negativa e contraria á contorna, con todo o que isto implica. Non será porque se aposta como solución máxica polo turismo? 

Estas informacións que xeran unhas expectativas optimistas, ignorando a necesidade de reformas de fundo (económicas, laborais e sociais), son propaganda subliminal. Sustentase en dados parciais,  porque son sectoriais e/ou conxunturais, ou porque ignoran a evolución histórica e as tendencias dominantes a nivel mundial. Cando se esquecen estes aspectos, ou parte deles, non se poden facer comparacións, analizar a evolución, e ter unha visión obxectiva do estado da cuestión. Se iso sumamos a intencionalidade política nas caracterizacións, por exemplo, reducir a cualificación de emprendedores a aqueles ligados á dirección empresarial, como se non o fosen tamén aquelas persoas que teñen iniciativas solidarias no eido da cultura, colaboración humanitaria... Quérese xustificar o capitalismo e a desigualdade nos ingresos.

Estas valoracións tendenciosas non axudan a comprendermos a realidade, outra cousa moi distinta é a simplificación e xerarquización da situación pra súa divulgación. Sempre hai que contextualizar, determinar as tendencias, pra marcar obxectivos e deseñar a folla de ruta e os métodos de traballo axeitados. Por exemplo, é impensábel unha mellora das pensións, e dos servizos e prestacións sociais, sen un avance dos salarios e nas condicións laborais. Pra que isto sexa posíbel, cómpre unha correlación de forzas favorábel ás clases populares. Alguén pode pensar, que as grandes corporacións e fortunas van ceder por altruísmo unha parte importante dos lucros? Os que doan millóns, que os hai, gañan miles de millóns. Existen excepcións, posibelmente, mais confirman a regra xeral, por iso buscan ser noticia, xa que a tendencia dominante é a do aumento da precariedade e desigualdade social. 

Te puede interesar