Opinión

Falsas solucións

Sen dúbida a política está no seu peor momento. Non será, porque depende máis que nunca dos medios de comunicación hexemónicos, especialmente das televisións? Unha realidade que condiciona que os partidos divulguen a súa versión do que sucede e do que propoñen. Internet é unha alternativa, mais só as web que contan con recursos teñen incidencia social. Ou sexa que todo está condicionado polas clases dominantes, cada vez máis globalizadas, e a empresa informativa local (e mesmo de ámbito galego) sobrevive a duras penas.

Construír unha alternativa partidaria que saia da lóxica do sistema só é posíbel, como nos vellos tempos, mediante un proxecto de masas cun forte apoio social e capacidade de mobilización. Outras vías, como a dun grupo reducido de persoas moi preparadas, con discurso, e unha folla de ruta doada, por exemplo a través do voto “pra conquistar o ceo”, son pura fantasía, e terán curta duración como engado. Dependen dos medios hexemónicos, que poden deixalos caer cando lles pete. Ninguén regala ren, cando se trata de cuestións que inciden na distribución da riqueza e do poder. Toda mudanza é produto do esforzo, da teimosía, da autocrítica e do debate, da praxe, da organización; ou sexa, dun cambio real na correlación de forzas.

A primeira xuntanza da Cámara de Deputados, coas presentacións e votacións habituais, foi toda unha demostración das limitacións de cada partido. Uns puxeron todos os esforzos na escenificación e outros preferiron tecer na sombra. O PP comezou e rematou a xuntanza como forza triunfadora, tanto por aumentar a súa representación nas eleccións, como por acadar os apoios necesarios pra presidir a Cámara e obter a maioría na Mesa. Colocou as demais forzas de ámbito estatal á defensiva. As eleccións reflectiran que xa non abonda co argumento da corrupción; é necesario que ademais a oposición presente un programa e unha folla de ruta alternativa pra esta conxuntura. E iso non é doado de conseguir cando todas os partidos xogan, como o PP, a facer do institucional o centro da actividade política. E neste ámbito, os marcos son moi estreitos. Dependen unhas forzas das outras, especialmente cando non é doado un acordo a tres, e pra se facer a dous necesita do nacionalismo periférico de centro dereita, ou sexa: do “demo”.

Semella que os partidos españois da Cámara prefiren que governe o PP. Porén, non é doado aceptalo, nen conseguilo. O PSOE e Podemos están máis centrados en se disputar o comando da oposición parlamentar, soñando con ser a principal referencia no futuro. Daquela que Podemos sobreactúe, algo que leva no seu ADN, mesmo a costa de sacrificar as iniciativas de cambio no laboral, social, democrático... E o PSOE intenta canear a situación como pode, dada a súa división interna, non tanto entre modelos socio-económicos, senón como consecuencia da submisión á globalización neoliberal. Pola súa banda, Ciudadanos non ten practicamente marxe pra subsistir como alternativa. Debe permitir un executivo de Rajoy e ao mesmo tempo manter a “virxindade”, é dicir, non formar Governo co PP. Polo que adiar é a consigna en todas estas forzas, esperando que sexa outra a que ceda, máxime agora que a UE vai impoñer medidas de axuste do déficit público despois do incumprimento do PP.

Nunca o escenario estivo tan complexo pras clases dominantes dende a transición. Gañárono a pulso, xa que deron folgos a tres opcións primeiro e logo a catro pra deste xeito restarlle ao nacionalismo poder e presenza nos medios. Conseguírono a medias. As enquisas seguen a dar maioría ao independentismo en Catalunya, aínda que a primeira forza en votos neste país e en Euskadi sexa Podemos. Tamén caeu a mobilización, mais non se reduciron os conflitos laborais e sociais. Todo segue pendente e agravado, na espera dun cambio.

Te puede interesar