Opinión

Folga no siderometal ourensá

Os traballadores/as do siderometal da provincia de Ourense xa realizaron dous días folga a pasada semana, o 28 e 29, que foi seguida maioritariamente, e unha manifestación o último día. E teñen convocado un paro indefinido a partir do día 5 de outubro. A súa principal reivindicación é a recuperación do poder adquisitivo dos salarios. A inflación na Galiza en 2021 foi do 6,7% e a reclamación que fan os sindicatos é: do 6,5% pra este ano, igual porcentaxe no 2023 e do 5% pra o 2024. Esta folga abrangue a uns 5.000 traballadores/as.

Non é un convenio nen unha folga máis, porque cada punto que se perdan hoxe pola inflación acumularase nos vindeiros anos nunha redución de poder adquisitivo, e marcará unha dinámica. Ademais debese ter en consideración que, malia que nun principio os analistas e organismos económicos valoraban que a inflación sería conxuntural, agora consideran que non será tan doado dobregala, ou sexa, durará uns anos. Tampouco se pode obviar que a inflación é máis elevada nos bens e servizos máis básicos como alimentación, enerxía, transporte e vivenda; ou sexa, que afecta esencialmente ás familias con salarios máis baixos. 

Sen dúbida é un dato positivo que no mes de setembro, en termos anuais, a subida da inflación fose dun 9% no Estado español fronte ao 10,5% no mes de agosto. Sobre todo porque podería marcar unha tendencia descendente, neste caso seguramente ligada á caída do prezo do petróleo e do gas, así como á baixada do consumo das familias. Mesmo que este fose o escenario, non implica que a inflación non se manteña alta, que se siga reducindo o valor real do salario. E que ademais a patronal non busque escusas pra trasladar á clase traballadora os maiores custes da enerxía e materias primas e mesmo aumentar a taxa de beneficios. 

Cómpre termos presente que no reparto da torta a clase traballadora no 1º trimestre de 2022 só recibiu na Galiza un 44,3% do PIB cando representa máis do 80% da povoación ocupada, mentres que as rendas do capital e mistas atinxiron o 45,9%. Tampouco é un dato menor que durante a pandemia e agora con esta crise estease a producir unha enorme concentración do beneficio nas grandes corporacións e fortunas, en prexuízo de autónomos/as e de moitas pequenas empresas, como consecuencia da globalización neoliberal. Ou sexa, das políticas que se implementan desde a Unión Europea e seguen con total subordinación practicamente todos os estados que a integran. Non será hora de rachar con este modelo perverso, que incrementa a desigualdade?

Os resultados da negociación colectiva do primeiro semestre non son alentadores pra clase traballadora, xa que daban unha subida media do 2,4% nos salarios no Estado español, e do 5,09% no País Vasco e do 3,77% na Galiza (o que deixaba en evidencia a importancia do sindicalismo nacionalista en ambos países). Porén non son poucas as excepcións de convenios con aumentos que superan as oferta da CEOE (3,5% en 2022, 2,5% en 2023, e 25 en 2024). Un exemplo témolo no metal da provincia da Coruña, onde a folga, mobilizacións na rúa, a presión social e unidade sindical (a CIG é a central máis representativa, un 42%) permitiu acadar, malia que a patronal mantiña o bloqueo do convenio, un aumento do 6,5% pra o ano 2021 e do 4% pra 2022... 

Manter o poder adquisitivo dos salarios dos convenios colectivos e das pensións, o aumento do salario mínimo interprofesional até o 60% do salario medio, o fortalecemento dos servizos e prestacións básicas son fundamentais nesta etapa de crise aguda do sistema. Non é xusto, solidario e aceptábel, que as crises provocadas pola cobiza do capital e a soberbia dos que exercen o poder as paguen sempre e sobre todo as clases populares e os países e/ou nacionalidades cun papel subalterno, periférico, dependente. 

Te puede interesar