Opinión

As forzas armadas co povo

Opinión

As forzas armadas co povo

O vindeiro 25 de abril cúmprense 45 anos da Revolución dos Caraveis en Portugal. Ese día un destacamento de militares da Escola Prática de Cavalaria de Santarém con 25 tanques, baixo o mando do capitán Salgueiro Maia, ocuparon o Torreiro do Pazo no centro de Lisboa. Previamente, Rádio Renascença emitiu pra todo o país a primeira estrofa de “Grândola, Vila Morena”, de Zeca Afonso; esa foi a sinal pra que comezase a Revolución. A insurrección militar estivo coordinada polo maior Otelo Saraiva de Carvalho.

Os antecedentes desta acción militar atópanse nunha carta de protesta dirixida ao presidente da República Portuguesa datada o 28 de agosto de 1973, por parte dun grupo de 45 capitáns destacados en Guinea-Bisau. Despois haberá reunións de Évora, Estoril e Oubidos, e na Costa Caparica realizase unha reunión da Coordinadora, que será presidida polo coronel Vasco Gonçalves. Desta xuntanza saen varias comisións de traballo e elíxese unha dirección do sector operacional da Comisión Coordinadora das MFA, formada por: Otelo Saraiva de Carvalho, Vítor Alves e Vasco Lourenço.

Cando o povo coñece o que está a acontecer o 25 de abril de 1974 sae á rúa, berra consignas contra a ditadura e apoia coa súa presenza aos militares revolucionarios, e pon caraveis nos canóns das armas lixeiras e pesadas. Libéranse os presos políticos, e dánse enfrontamentos menores coa PIDE e algúns grupos de resistencia favorábeis ao réxime. Álvaro Cunhal, naquela altura secretario xeral do Partido Comunista Portugués, valora así a situación política previa: “O réxime fascista portugués  debatíase en contradicións e dificultades, entrara nunha profunda crise interna, ao mesmo tempo que as forzas revolucionarias, nomeadamente o Partido Comunista Portugués, trabaran unha loita teimosa que nos últimos anos avanzaba como unha enxurrada en grandes movementos e accións de masas e atinxía o seo dos máis sólidos piares do fascismo e do colonialismo: as forzas armadas” (A Revolución Portuguesa, Avante). Convén lembrar que dende outubro de 1973 ate abril de 1974 máis de 100.000 operarios estiveron en folga.

Unha opinión semellante teñen Moisés Cayetano Rosado e Moisés Cayetano Rodríguez: “As masas populares xa se tiñan manifestado unha e outra vez contra a ditadura e as guerras coloniais, na universidade contra a falta de liberdade e a mesquindade académica, nas fábricas contra a explotación laboral... fixeran folgas, desertado do exército, padecido o cárcere, torturas e todo tipo de represións, estaban perfectamente adestradas, preparadas e dispostas. Eses primeiros días, do 25 de abril ao 1º de maio, foron incontábeis as manifestacións. Miles, centenas de miles de persoas na rúa... Sen ese apoio tería sido inviábel unha acción incruenta”(Abril 25: el sueño domesticado, Fundación de Investigaciones Marxistas).

Sobre a importancia actual e o que deixa como contribución o 25 de abril e os governos provisorios, o capitán Duran Clemente que chamou aos traballadores o 25 de novembro pra sairen á rúa a defender a Revolución ameazada, destacaba a importancia das liberdades conquistadas. Mesmo así, coida que non eran abondo e que houbo retrocesos, polo que cómpre: “Combater o desemprego, a exclusión social, a falta de civismo, a incompetencia, a falta de respecto, o noso propio desanimo. Facer a Revolución acotío participando, teimando, non dándonos por vencidos” (25 de abril, el sueño domesticado).

Asemade, a Revolución dos Caraveis foi un berro de liberdade que se escoitou moi forte na Galiza, reforzando a loita contra a ditadura franquista. No “Terra e Tempo”, voceiro da UPG, de maio de 1974 dicíase: “... Todo o povo galego vibra de solidariedade e entusiasmo. Os muros das nosas aldeas e cidades cóbrense de letreiros nos que se le ¡Viva Portugal!”.