Opinión

De fracasos e dereitos democráticos

Segundo Rajoy e outros dirixentes conservadores, os resultados da consulta cidadá de Cataluña do pasado día 9 foron un fracaso, porque un 60% do censo non participou. É unha análise simplista e preocupante xa que nega o valor do voto de 2,3 millóns de persoas, esquece o feito de que o Governo central ameazou con tomar medidas contra o evento, e que ademais se sabía de antemán que só tería un carácter consultivo. Considerar unha participación tan inmensa (na que a maioría votou por un estado propio), como unha perda de tempo e unha derrota, é unha actitude de soberbia, de prepotencia, que mete máis presión no conflito.

Coido que a dirección do PP terá analizado polo miúdo cales son as consecuencias de pechar todas as vías de negociación optando pola saída autoritaria, represiva, malia que escenifiquen o pau e a cenoria, pra lavar a cara no exterior. Esquecen que impedir algo tan elemental como permitir que o povo dunha “nacionalidade histórica”, como Cataluña, poda exercitar o voto libremente, é moi difícil de entender, a menos que se considere que as vellas decisións (ou conquistas) dan dereito de propiedade pra eternidade. A Lei debe ser reflexo da vontade popular e non un instrumento pra afogala ou reprimila.

O Estado español ten un carácter plurinacional, e os que negan esta evidencia levaron a esta situación na que a democracia se quere substituír pola lei do máis forte. Mesmo se esquece que ate 1833 (formalmente) a soberanía residía no Monarca e nos reinos (entre eles o de Galiza), polo que foron estes os que a exerceron plenamente cando Fernando VII foi detido polos franceses en Baiona. Por que o que era normal daquela non vale hoxe, cando se di asumir que o centralismo, o autoritarismo e o absolutismo teñen un carácter perverso? Por que no Estado español se nega o que en Gran Bretaña se considera normal?

Aínda se está a tempo de mudar o rumbo, e neste caso a responsabilidade está nas mans do Governo central, ou sexa, do Partido Popular. O povo catalán, o vasco, o galego, e outros, deben ter capacidade pra decidir con liberdade o seu futuro, rexeitando calquera imposición ou actitude paternalista por parte do que foi o reino castelán, baseada na forza e no seu peso demográfico. E recoñecido este dereito básico, o Estado español poderá ofrecer con garantías proxectos de alianza nun Estado confederal, que pode ser aceptado ou non polas nacións da periferia. Semella que non vai ser o caso, e que ate o final desta lexislatura, a única vía será a da confrontación. Por unha banda utilizarase o poder xudicial e os medios de comunicación, e pola outra, a mobilización (manifestacións, boicots, ¿folgas xerais?) e pode que unha convocatoria electoral plebiscitaria.

Semella que o Governo vai empregar a eito a presión xudicial, a demonización do catalanismo, e deixar pasar o tempo, coa finalidade de alentar as contradicións no seo do nacionalismo e conseguir que diminúa a participación. Despois de todo, neste intre o Partido Popular carece de respaldo abondo, falta un ano pras eleccións xerais, e sería outro partido ou coalición o que tería que dar solución ao problema. Deste xeito non se queimaría diante dunha parte do seu electorado e da sociedade, tanto se negocia como se reprime. No novo escenario poderá xogar como francotirador dende a vantaxe da oposición, e non terá porque asumir a responsabilidade da iniciativa. Pedro Sánchez debería ter preparada con anticipación a súa proposta de Estado federal, que nunca concreta, e Podemos e IU teñen que definir con claridade se defenden que as nacionalidades históricas teñan capacidade pra decidir o seu futuro, ou sexa que optan por un Estado confederal. Claro que, non nos confundamos, pra exercer realmente ese dereito o nacionalismo deberá ter forzas propias e ser forte.

Te puede interesar