Opinión

As fronteiras e a desescalada

As fronteiras as veces só teñen un valor político e conxuntural, como a división provincial que se fixo da Galiza, xa que no plano histórico, económico, social, cultural e lingüístico, todo o país ten unha grande homoxeneidade dende hai moitos séculos. Mesmo existe unha continuidade da maior parte destes aspectos en Asturias até o río Navia, en León na maior parte do Bierzo, en Zamora mesmo pra alén do Padornelo, e outro tanto pódese dicir, como mínimo, respecto do norte de Portugal, mesmo pra alén do río douro. Daquela que Galiza as veces estivese dividida até en sete provincias, outras veces en cinco, e na época romana en tres: Lugo, Braga e Astorga. 

O carácter conxuntural deste tipo de divisións da lugar a que, unha vez declarada a independencia do Reino de Portugal, en 1139, territorios galegos foran do arcebispado de Braga e importantes zonas de Portugal dependesen de Santiago de Compostela. Asemade, houbo sucesivos intentos de reconstruír a unidade entre Portugal e Galiza, unha aposta que só mudou por mor do cisma de occidente na Igrexa Católica, a expansión africana de Portugal, e as dificultades pra conquistar a unidade fronte a Castela e aliados. Produciuse o último intento en 1397, durante o reinado de Xoán de Avis. Daquela, cando se considera a ruptura entre Galiza e Portugal (ou dunha parte do que foi a Galiza histórica) a reflexión debería ser menos esquemática, e nunca esquecer que se trata dun proceso de varios séculos. 

Dende aqueles feitos pasou moito tempo, mesmo a lingua galega e portuguesa, cun 90% de vocabulario común, foron adquirindo formas fonéticas diferenciais, aínda que coas aldeas do norte de Portugal neste aspecto haxa unha grande semellanza, e a conversa entre persoas de ambas beiras da raia faise con fluidez. Porén, ademais destas semellanzas entre dous povos irmaus, cunha orixe común, o que resulta máis evidente a esta altura, e que empurra a prol dun estreitamento das relacións, é a importancia do comercio de bens e servizos, o investimento de capitais e o turismo. E, pra alén do valor cultural que poda ter este feito, hai que lle sumar que o balanzo destas relacións económicas é moi favorábel pra Galiza. 

No ano 2019 exportamos a Portugal por 3.192 millóns de euros e importamos por 1.815 millóns, ou sexa un diferencial positivo de 1.377 millóns de euros. Portugal crea emprego no noso país, algo que non sucede con Francia, coa que temos un saldo negativo (4.241 millóns de venda e 5.309 millóns de merca). O comercio con este país só está por detrás do Estado español. Con este último o intercambio representa un 39% do total (ano 2017); neste caso o saldo tamén é negativo pra Galiza (-5.500 millóns), mentres que co resto do mundo é positivo (4.658). Son dados que son esenciais cando se trata de valorar o proceso de desescalada, e o tema das fronteiras. A estes dados teriamos que engadir o movemento de capitais e o turismo. Porén, mesmo así, enmarcan con toda claridade o papel que temos no Estado español, máxime se consideramos que unha boa parte das empresas máis significativas teñen a súa sede central no exterior, especialmente en Madrid.

Polo tanto, a reivindicación e as concentracións que están a facer os alcaldes da raia, tanto de Galiza como de Portugal, de todos os partidos, pra que se abran todos os pasos fronteirizos é positiva e urxente. Tanto polas razóns económicas xa explicadas, como por motivos laborais, xa que hai moitas persoas que viven dun lado da fronteira e traballan doutro, e agora teñen que percorrer distancias que multiplican o tempo e o gasto. Son solicitudes lóxicas, que non obrigan a acelerar os ritmos da desescalada planificados, só facilitar unha mobilidade que xa existe, e que implica beneficios pras persoas afectadas e pra ambos países irmaus. 

Te puede interesar