Opinión

Galiza e as eleccións andaluzas

Quérese adxudicar a responsabilidade, de que un partido de estrema dereita acádese representación institucional, ao referendo e da declaración simbólica da independencia na Cataluña. Podendo ser unha das razóns, dado a visión de supremacía que teñen os que negan ao carácter plurinacional do Estado español, abonda con escoitar as reclamacións de VOX pra se decatar que ademais existen outros motivos. Como son, a eliminación das medidas de protección e igualdade de xénero e a memoria histórica, a regulación da inmigración distinguindo segundo o país de orixe.  Así como a rebaixa de impostos, esencialmente pra aqueles que teñen maiores ingresos e as corporacións.  Ao que cómpre engadir os buratos negros na esquerda sistémica, como a corrupción e manter como unha cuestión secundaria o desemprego, precariedade e salarios.

Todo indica que neste contexto, un sector do capital ve en perigo a taxa de beneficios, dado que os partidos sistémicos tradicionais xa non gañan as complicidades necesarias pra manter o control das institucións, e decidiron dar pulo a expresións máis duras. Partidos que asusten e resitúen o centro do debate político, e se fose necesario exerzan o poder pra garantir a disciplina social. Coidan que non abonda coa Lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, e as sentencias exemplarizantes contra as protestas laborais, e as visións alternativas na cultura e comentarios en Internet. O avance de VOX non é unha cuestión exclusivamente política, senón unha tendencia transversal a todas as estruturas de poder, e como tal debe ser tratada.

Asemade, os acordos que se fagan en Andalucía entre as distintas expresións da dereita teñen un efecto directo sobre a política galega. Sendo verdade que o Partido Popular na Galiza representa a sectores sociais que van dende o centro até a dereita, dende o galeguismo rexionalista até o españolismo centralista, dende o tradicionalismo rural até o neoliberalismo urbano,  todo amosa que esta última tendencia converteuse en hexemónica. O discurso con acenos á estrema dereita que está a impoñer a equipa de Casado será seu corpo teórico, e xa marca a súa folla de ruta e propostas. E entre estes obxectivos están algúns tan fundamentais como a transferencia ao Governo central da sanidade e ensino, ou sexa a recentralización (co que isto implica pra cultura e lingua propias). Cal é a postura de Núñez Feijóo e o PP galego neste tema? Calar, como está a facer, é conceder.

Nas vindeiras semanas vaise coñecer a postura definitiva sobre estes temas do PP e Ciudadanos en Andalucía. Todo fai pensar en pactos que restaran máis capacidade ás autonomías. A única escusa que o PP pon pra non acceder á algunhas das reclamacións de recentralización (nas que coincide con Ciudadanos e VOX) é que non terían os votos necesarios pra facer unha reforma do Estatuto. As diferencias respecto de pechar a televisión autonómica, semellan estar no plano táctico, polo que implicaría esta medida en relación co control da información en Andalucía. 

A través da transferencia á Unión Europea e mediante a recentralización, como a imposta pola Lei de Unidade de Mercado, fóronse perdendo competencias autonómicas, mesmo nas nacionalidades históricas. Agora quérese dar un novo paso en beneficio das corporacións e do españolismo máis rancio. Liquidando as poucas vantaxes que pode ter o empresariado local e os autónomos, e no ámbito democrático desposuíndo á clase traballadora e camadas populares de incidencia real sobre a economía, a cultura e o benestar social, en beneficio de institucións lonxanas manexadas polas Bolsas e os lobbys empresariais. Este aumento das contradicións, cun resultado resultado nesta conxuntura que aínda non está decido, malia que a dereita centralista e neoliberal coide o contrario.

Te puede interesar