Opinión

Galiza, país industrial

Segundo o director do IGAPE, creáronse dende maio de 2015 nada menos que 11.500 empregos no sector industrial. Ou sexa, en pouco máis de dous anos completouse un 23% do que a Xunta se marcaba como meta nun lustro, na Axenda de Competitividade de Galiza Industria. Polo que, pra completar o obxectivo, habería que triplicar o crecemento ate o ano 2020. A meta ten fundamento, dadas as potencialidades da nosa nación en recursos primarios e enerxéticos, polo que atinxir o 20% de povoación ocupada na industria non tería que ser unha utopía. Se fose así só seriamos superados por Navarra (27,2%), Rioxa (23,3%) e o País Vasco (22,9%). Óllese que estas últimas están na área de incidencia de Bilbao. 

Agora ben, a hipótese anterior ignora as tendencias dominantes na economía e as dependencias ás que está sometida Galiza. Pra facer realidade este obxectivo, non abonda con adxudicar algúns millóns máis á innovación e a novos proxectos, ou que melloren as infraestruturas cara Madrid e a Unión Europea, e as conexións marítimas co norte de África. O retroceso demográfico e a persistencia dunha forte emigración, malia a queda da natalidade, reflicten as eivas e atrancos cos que confronta Galiza. Ademais, do papel secundario que xoga a economía galega na estrutura produtiva do Estado español e da Unión Europea, a intensificación da centralización e concentración do capital e do poder, dá maiores folgos a esta tendencia negativa. 

Sen rachar con todas estas subordinacións, ou cunha gran parte delas, é practicamente imposíbel mudar a tendencia, e conseguir un reparto do traballo e da riqueza que sexa xusto co povo galego, especialmente no relativo ao sector industrial industrial, que ten un carácter estratéxico. Todo conta. O director do IGAPE recoñece que os baixos salarios non son unha condición determinante, xa que poden ter maior importancia os custos do transporte. Obviamente, tampouco se pode ignorar o aspecto demográfico, os gastos en enerxía, a presión impositiva, e onde está radicado quen controla o capital. Que empresas estratéxicas pasasen a mans do capital foráneo non se pode considerar unha boa noticia. Máxime, considerando que nunha década, entre o 2005-2015, a saída de capitais cara o exterior foi de 10.326 millóns de euros, e a entrada, de 1.682 millóns. O diferencial é enorme, mesmo sendo cifras parciais, xa que se exclúe o movemento de capitais co resto do Estado español. É significativo que o capital sexa o primeiro en emigrar. De onde van vir os investimentos que garantan a creación de 38.500 empregos na industria galega? Sei que se fala moito das novas tecnoloxías, mais todos os países están neste proceso. 

Por outra banda, sendo certo que houbo un crecemento no emprego industrial nos últimos anos,  estamos aínda un chisco por baixo do 2010 en ocupados/as. E en asalariados temos 15.000 persoas menos. Ate que punto este desfase é consecuencia dos falsos autónomos? Sendo necesaria a xeración de máis emprego, especialmente no sector industrial, non se poden obviar as condicións laborais e os salarios cos que son retribuídos. O aumento da precariedade e a caída dos ingresos deberían ser unha prioridade de primeira orde pra un Governo galego, porque o central sempre son as persoas.

Pra desenvolver a industria hai que mellorar as infraestruturas con Portugal e formar unha gran rexión económica co seu norte, potenciar os accesos directos a Europa sen a peaxe de Madrid, e dar folgos á tecnoloxía, á calidade, aos procesos integrados, e á eficacia no subministro. Axudaría moito contar cun sector bancario, enerxético e de telecomunicacións público, á marxe da especulación, das burbullas, e do control das corporacións... Porén, o fundamental é a soberanía. Poder decidirmos en función dos intereses do povo galego. 

Te puede interesar