Opinión

Globalización e empobrecemento cultural

Hai década e media o profesor e analista norteamericano James Petras, no artigo “O imperialismo cultural no finado século XX”, analizaba o proceso de asimilación que no eido da cultura e os comportamentos sociais se estaba a dar en paralelo coa globalización neoliberal no eido económico. Dicía Petras:“O imperialismo non pode ser entendido só como un sistema económico-militar de control e explotación. A dominación cultural é unha dimensión integrante de calquera sistema sustentábel de explotación global... En relación ao Terceiro Mundo, o imperialismo cultural pode ser definido como a penetración sistemática e a dominación da vida cultural das clases populares polo clase dirixente de Occidente a fin de reordenar os valores, o comportamento, as institucións e a identidade dos povos oprimidos...”.

Resulta evidente que a globalización, a revolución nas comunicacións dixitais, esmagou as defensas tradicionais que os povos dependentes e subalternos tiñan, tanto pra preservar a súa identidade, como pra garantir o control e redistribución dos bens e servizos producidos polo seu esforzo cotiá. Na actualidade, mesmo estados poderosos, como Franza, ollaron o perigo, polo que deu no seu momento unha dura batalla na OMC respecto da produción e comercialización audiovisual, fronte aos intereses anglosaxóns liderados polos Estados Unidos. 

Neste contexto tan lesivo, argumentaba daquela nun artigo sobre o tema: “fan falla medidas e actitudes que ataquen de fronte o problema, que eviten cos seres humanos en todos os recantos do mundo rematemos sendo unha fotocopia do prototipo urbano norteamericano,... non só comendo hamburguesas e bebendo colas, senón respondendo cos mesmos xestos que os actores e actrices. Ou sexa, sendo unha reprodución dos filmes e series televisivas, xa que este extenso e poderoso país é moito máis complexo e variado nos seus tipos humanos, actitudes sociais e culturais que as que se reflicten na pantalla”.

Nesta etapa existe un forte proceso de neo-colonización por parte dos grandes centros de poder, onde ademais da concentración e centralización das decisións políticas e económicas, afogase a cultura, lingua e mesmo reescríbese a historia das nacións subalternas. Todo coa finalidade de controlar o mercado e o proceso de produción en todas as súas fases. Polo tanto, non abonda con medidas tímidas por parte das institucións pra lograr economías sustentábeis e autocentradas, que sirvan os intereses do povo, e permitan manter o patrimonio cultural e utilizar en igualdade de condicións as linguas minorizadas. Internet, a TV, mesmo moitos xornais e radios, transmiten directamente dende os  centros de poder, e a maior parte están controlados polas corporacións. Lembremos que as persoas pasan horas diante da televisión en actitude pasiva, e realizan nas redes e cos móbiles accións repetitivas. Co que isto implica de mensaxes subliminais e prácticas inconscientes. Mesmo chama atención que non se valore a violencia nas series como un dos factores que alentan a agresividade, e a violencia machista e noutros aspectos.

As empresas teñen obrigacións coa sociedade, co desenvolvemento económico, social e cultural, coa igualdade de trato, con condicións laborais dignas. Cómpre un esforzo especial pra gañar a batalla das ideas, do relato, desmitificando a ligazón do ascenso social cunha determinada lingua e cultura dominante, porque non é certo, especialmente cando se acede por falsas expectativas. Cómpre valorar en toda a súa dimensión o feito da conservación e fortalecemento da lingua e cultura propias, xa que contribúe a riqueza da humanidade ao preservar súa diversidade; e implica no persoal e colectivo un paso esencial na construción dunha subxectividade desprovista destas contradicións.

Te puede interesar