Opinión

Governo tecnócrata 
ou novas eleccións

Como resultado das eleccións o panorama no Parlamento do Estado español na vindeira lexislatura non podería ser máis complexo. Todo indica que ningún dos partidos poderá formar Governo. E que malia que ás catro opcións máis votadas lles favorece unha saída negociada, coa excepción de Podemos, xa están en plena campaña pre-electoral ollando os atrancos de conseguir unha maioría estábel. Daquela que o PP se presente agora como a forza máis dialogante, Ciudadanos asegure estar disposta a apoiar a Rajoy sen condicións previas, que o PSOE propoña reformar a Constitución e facer todo o posíbel pra formar un Governo alternativo, e Podemos idealice como Presidente unha figura de consenso por riba do ben e do mal, unha persoa que “comprenda o voto do cambio e recoñeza a diversidade de España”. En resumo, todo apunta a unha nova convocatoria electoral nos vindeiros meses. Neste caso, a forza máis favorecida sería Podemos que estaba en pleno ascenso durante a campaña electoral.

Evidentemente sempre cabe a posibilidade dun Governo do PP con ministros “tecnócratas”, que sexan aceptábeis pra Bruxelas, e apoiados polo PP e Ciudadanos, e co compromiso de novas eleccións dentro dun ano. Deste xeito o PSOE tería máis doado xustificar a abstención diante da súa base. Esta saída poderíase presentar como unha solución estrema, unha esixencia da cidadanía, fronte ao perigo dun deterioro na economía e no emprego. Un proposta nesta liña, estendida a toda a lexislatura foi formulada por Podemos, se cadra procurando neutralizar a que se faga dende a dereita pra premer o PSOE. Pablo Iglesias coloca a Pedro Sánchez diante de dúas solucións moi semellantes nas formas, mais diverxentes nos contidos, polo que lle resultará moi difícil oporse a unha negociación con Podemos, como lle esixen a Sánchez, entre outros líderes rexionais do partido, a presidenta de Andalucía.

As hipóteses apuntan a que adiar as eleccións favorece ao PSOE e Ciudadanos, e realizalas axiña, a Podemos e ao PP. Mais non é doado saber ate que punto se modificará a correlación de forzas, especialmente no referente ao empate entre dereita e “esquerda” e á dependencia dos partidos nacionalistas pra conseguir maiorías estábeis. Se cadra, tampouco se acadan maiorías estábeis, aínda que avance o PP a costa de Ciudadanos e Podemos se achegue ou supere ao PSOE. Sen dúbida, o atranco está no PSOE, nas súas contradicións, xa que se reivindica de esquerdas mentres alenta a globalización, arroupa a OTAN, e nega o carácter plurinacional do Estado e o dereito a decidir. As diferencias co PP residen exclusivamente nos dereitos individuais e nos servizos públicos, polo que carece dun proxecto económico e social alternativo, máxime cando as propostas keynesianas non deron os resultados esperados polos que apostan a reformar o capitalismo.

Moitos medios falan dun fin de ciclo e dan o bipartidismo por morto. Mais sendo positiva esta viraxe á esquerda e que haxa forzas estatais como Podemos que recoñezan o carácter plurinacional do Estado, hai que ver ate que punto isto garante un maior protagonismo das clases subalternas e das nacións periféricas. No vindeiro ano poderemos comprobar se estas cuestións seguen sendo centrais ou só formaban parte do discurso pra avanzar nas institucións. Ficamos en tempos nos que se abanea a representación institucional, nos que se abren fendas nas clases hexemónicas, nos que as clases populares coidan que o seu voto pode mudar moito as condicións laborais e garantir servizos e prestacións esenciais. Hai neste aspecto moito de positivo, porque alenta o cambio, mais tamén de utopía e de falsificación, porque se asenta na confianza de transformacións sen mobilizacións e sacrificios. Aclarar estas eivas, e superalas, só será posíbel coa praxe.

Te puede interesar