Opinión

Unha guerra de longa duración

Ao inicio da invasión Rusia coidaba que a ocupación da capital da Ucraína e as maiores cidades era cuestión de días, e que os seus tanques e o control do espazo aéreo e marítimo a forzaría a unha rápida negociación. O obxectivo era o non ingreso da Ucraína na OTAN, evitando a ameaza nuclear nas súas fronteiras e unha solución federativa pras repúblicas do Dombas, rematando cos bombardeos por parte de Kiev, que causaron 14.000 mortos civís en oito anos. Sen que por certo a comunidade occidental se sentise afectada pola masacre. 

A incorporación masiva de reservistas na Ucraína e a entrada da OTAN no conflito a uns niveis non esperados por Moscova, mediante o fornecemento de armamento, formación militar e información satelital dos movementos do exército ruso e as milicias do Dombass, así como a incorporación de mercenarios (tropas de elite e mandos?). foi restando vantaxes a Moscova e complicando a folla de ruta que se tiña marcada. Esta non valorou correctamente a importancia que occidente lle daba á derrota de Rusia pra illar a China, afogar a Iran,... poñer en liña á India, Turquía, México... e manter a hexemonía dos Estados Unidos nun mundo unipolar, freando o multilateralismo crecente. 

Nos últimos meses Moscova tomou nota, daquela que nesta nova fase incorporase reservistas, aumentando progresivamente os efectivos na fronte, e condicionase a defensa e sobre todo a conquista de novos territorios á perda do menor número de efectivos, mentres desgasta ao exército ucraíno superior en número. Faino así porque a esta altura sabe que a guerra vai durar máis do esperado, xa que occidente colocou o conflito como definitorio de cal vai ser a tendencia dominante nas vindeiras décadas: ou un avance do multiratelarismo ou un reforzamento do G7+OTAN. 

Polo tanto, aínda que a iniciativa na fronte estea en mans das tropas de Rusia e aliados a Ucraína non vai pactar. Non quere ou non a deixan. Isto é o que reflicten os votos do Parlamento Europeo declarando a Rusia estado promotor do terrorismo, ou sexa, co cal non se pode negociar (non se votou cando na guerra en Iraq morreron máis de 650.000 persoas; a dobre vara de medir; evidentemente Rusia non é unha santa, tampouco a Ucraína e os grupos fascistas que controlan o país). Moscova tomará nota da resposta, tamén o resto das potencias emerxentes e outros governos que dan moito valor á soberanía. Isto implica utilizar todo o poder militar, coa menor exposición posíbel, pra crear unha situación insostíbel na Ucraína mediante a destrución de infraestruturas, o que alentaría a protesta social e restaría medios ás tropas na fronte de batalla. 

A OTAN xa fala dunha guerra de longa duración, malia que isto implica unha enorme destrución na Ucraína. Tamén afectará á economía de Rusia, e a do resto do mundo. E especialmente aos países de Europa occidental, tanto polo búmerang das sancións, sobre todo aquelas que atinxen ás materia primas, cereais e enerxía, como polo aumento do gasto militar, así como a incerteza económica, social e política. Que Estados Unidos teña unha actitude militarista polos beneficios económicos, ten a súa lóxica, aínda que sexa inaceptábel, mais o apoio da UE a única vantaxe que ten é o de manter o papel subimperialista,... en condicións cada vez máis subalternas respecto de Washington. Mesmo pode ser o fin da UE, cando menos como un proxecto con futuro, máxime cando a globalización e o neoliberalismo xa non ofrecen solucións pra vender como beneficiosas pras maiorías. 

Acadar a paz, unha saída pactada aceptando a situación sobre o térreno, é a única solución realista. Non existe outra opción que evite a prolongación dunha guerra que ninguén sabe como pode rematar canto máis se estenda no tempo (e no número de países comprometidos). 

Te puede interesar