Opinión

Historias e debates do pasado?

O próximo ano vén ateigado de lembranzas. Benvidas sexan, se valen pra coñecer mellor a historia e recoñecer as/os que destacaron pola súa entrega, na maioría das veces, milleiros de persoas anónimas. Estas datas deben valer asemade pra aprender delas, dos acertos e dos erros. Polo seu significado, terá un lugar sobranceiro a lembranza do centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo e do seu Manifesto, que reclamaba unha autonomía integral pra Galiza e propuña un programa moi avanzado no económico e social. Estiveron representadas 67 sociedades agrarias e cinco centros culturais. Mandaron adhesións, cinco federacións agrarias, once concellos, e 40 asociacións. Hai outras efemérides a non esquecer, como o 50 aniversario da revolta estudantil e obreira de maio en Paris. E que meses antes, o 15 de xaneiro, comezou a folga universitaria de Santiago de Compostela, iniciada en Ciencias e que se alargara a outras facultades, prolongándose as mobilizacións e paros masivos ate o 2 de maio, desafiando a ditadura franquista. 

Pola miña parte, quero lembrar as Xornadas de Loita convocadas pola Intersindical Nacional Galega (ING). A primeira delas, o 27 de xaneiro de 1978, e que sería seguida por outra o 27 de xuño do mesmo ano. O eixo de ambas as xornadas, realizadas hai catro décadas, era a oposición ao Pacto da Moncloa e ás medidas económicas e sociais regresivas pra clase traballadora tomadas polo governo de Adolfo Suárez. Non me quero deter neste artigo no retroceso que significou o Pacto da Moncloa, que implicaba perder poder adquisitivo nos salarios. Aínda que o aspecto máis regresivo, a longo prazo, foi o apoio de centrais como CC.OO. e UGT. Isto significaba unha ruptura da unidade sindical na base, e sobre todo, frear o avance do poder sindical e político do movemento obreiro, e permitíalle ao capital recompoñer unha correlación de forzas moito máis desfavorábel pra clase traballadora. 

Mais neste artigo, quérome centrar no feito de que as xornadas de loita, sendo convocatorias que desbordaban a empresa e o sector, e dirixidas á clase traballadora en todo o país, representaron un pulo cualitativo, contribuíndo de xeito decisivo para a convocatoria dunha folga nacional na Galiza no ano 1984. As xornadas de loita foron campañas que tiñan unha dobre finalidade: reivindicar dereitos laborais e xerar conciencia política. Estendíanse no tempo, e incluían accións de axitación e mobilizacións. Deste xeito, xa non era o suxeito sindical e político organizado o que lle daba unha dimensión política á protesta laboral, senón que esta formaba parte da propia mobilización, polo seu contido (reivindicacións de clase) e polo seu continente (dimensión nacional da campaña). A  xornada do 27 de xaneiro foi convocada pola ING e as Comisiós Labregas (CC.LL.), e apoiada por Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) e a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). 

Esta xornada de loita consistía en paros parciais nas empresas e centros de ensino, e manifestacións en cidades e vilas. E sendo certo que non foron paros masivos, dado que a ING era unha forza que representaba só un 10% da clase traballadora organizada, tiveron un efecto directo nas empresas, no agro, no movemento estudantil e nos medios. Demostraron que era posíbel realizar folgas e  mobilizacións por obxectivos xerais, sen que estes afectasen no inmediato ao sector, e que ademais do número, era importante o atrevemento e a coherencia. En resumo, deixou en evidencia que a clase traballadora, e outras camadas populares, tiñan unha visión estratéxica da súa problemática. E que respondían activamente ás propostas de mobilización xerais cando existía un suxeito sindical e político que as convocaba como protagonistas e cunha folla de ruta concreta. Verdade que non son historias e debates do pasado?   

Te puede interesar