Opinión

Un incendiario na Casa Branca

Ás declaracións agresivas de Trump, súmaselle algo de teatro pra o consumo interno dos sectores máis conservadores da sociedade norteamericana, que consideran que o seu país está predestinado a dirixir o mundo. E nisto último coinciden coa estratexia das grandes corporacións e do complexo industrial-militar. Esta mensaxe destínase tamén a outros receptores, como aqueles estados con xogo propio ou considerados como potencias que poñen en perigo a hexemonía de Washington. 

As ameazas, sancións económicas, intervencións militares, e a a utilización do control dos medios e da rede, a imposición do dólar como moeda de referencia a través do militarismo, posuír case 200 bases e varias frotas patrullando os mares do mundo, permítenlle a Trump abanear ao seu gusto o contexto internacional. Faino na procura dun camiño pra mudar pola forza a tendencia económica actual, que favorece ás potencias emerxentes (especialmente China), e manter en liña os países coligados e subalternos. Porén, esta estratexia é cada vez máis incendiaria, máxime cando a confrontación dáse entre potencias nucleares, e Trump axe como se a política mundial fose unha pelexa entre bandas de barrio. Nesta actitude agresiva e perigosa conta co apoio total de Francia e do Reino Unido, ambas potencias coloniais vindas a menos, mais que manteñen aínda territorios ocupados ou en situación de dependencia. Ademais, no caso de Londres, a nova divisa china petro-yuan-ouro pon en perigo seu papel como Bolsa de futuros en materias primas. 

Tanto no caso Skripal como no suposto ataque químico sobre Duma, as acusacións contra Rusia e Siria non son críbeis. En ambos os casos, os supostos autores son os que saen prexudicados. Mentres que os Estados Unidos e aliados, e as milicias terroristas en Ghuta, obteñen unha escusa perfecta, diante da opinión pública, pra bombardear Siria. Demostrarían así ao mundo que ningún país está á marxe das  regras que impoña o imperio. Como nas películas do oeste, a lei está do lado do que ten a arma máis grande, non da razón e dos argumentos. Isto foi o que lle contestou literalmente Trump a Putin, facendo referencia a que tiñan as armas máis eficaces, cando este anunciaba que respondería a calquera bombardeo no que se visen afectados cidadáns rusos. 

Pensar que o anuncio deste ataque é obra exclusiva dun pirómano, sería un erro, como o amosa  que a gran maioría dos medios xustifiquen esta agresión ou non falen do tema, como se fose unha cuestión sen importancia. A guerra nas redes (que controla Estados Unidos), o bloqueo e sancións contra determinados países, as intervencións militares, a instalación de novas bases, a imposición de aranceis, non son unha arroutada, obedecen a unha lóxica. Todas estas medidas buscan forzar as potencias emerxentes a pactar unha situación económica, política e militar subalterna. E de non conseguilo, dividir en dous bloques o mundo. Neste caso, os Estado Unidos imporía seus intereses sobre á maior parte do planeta, co obxectivo de illar e derrotar as potencias contestatarias. 

Esta estratexia é unha reprodución da que se utilizou contra a Unión Soviética. Aínda que o contexto é outro e as diferencias de modelo socio-económico son menores. E copiar non sempre dá resultado. Ademais, as tensións pódense descontrolar e rematar nunha guerra xeneralizada. O lóxico e razoábel sería aceptar as normas construídas en común despois da Segunda Guerra Mundial, respectar as soberanías nacionais, apostar por sociedades distributivas, realmente democráticas e xustas, facer da solidariedade e do intercambio en pe de igualdade principios fundamentais, e sobre todo avanzar cara o desarme e o respecto pola natureza. En poucos días saberemos ate onde chega a cobiza e a prepotencia, e se a barbarie ten límites.

Te puede interesar