Opinión

Ir ao fondo dos problemas


Hai uns días lia dúas noticias que, malia que non teñen relación entre si, reflicten algo que cada vez é máis común, como é unha información que illada do contexto serve pra ofrecer un panorama máis positivo ou negativo, segundo interese. Por exemplo seica a renda galega por persoa foi das que máis medrou na Unión Europea nas últimas dúas décadas, competindo cos países do leste da UE, mentres que os tradicionalmente máis ricos teñen un medre menor. A primeira impresión é que na UE dáse pulo á igualdade, polo tanto queixamos por vicio na Galiza. Mellor imposíbel. 

Estes dados aparentemente positivos hai que contextualizalos, porque tanto na Galiza como no leste da UE o aumento do PIB/persoa fíxose a costa da migración das persoas con menos ingresos; daquela que perderan povoación, e no caso de Galiza aínda que se mantén, retrocede moito a porcentaxe respecto do Estado español, xa que o comportamento neocolonial comeza antes. E como se nunha casa con catro membros dos que dous traballan se marchase un dos inactivos, non medran os ingresos, mais aumenta a renda media. En concreto a renda galega representaba o 6,1% da do Estado español no ano 1955 (nese intre co 50% no rural nunha economía de subsistencia), do 5,6% en 1975, o 5,5% en 1995 e do 5,2% no ano 2019. A povoacion galega, en relación co total do EE, pasou do 8,91% en 1960 ao 5,72% en 2019. 

Este retroceso en materia demográfica, foi consecuencia dun crecemento propio dunha situación periférica no proceso produtivo, da falta de infraestruturas axeitadas, tanto na rede de comunicacións interna como na exterior. E as que se fixeron perpetúan a relación centro (Madrid) periferia e unha actividade industrial de enclave. Houbo excepcións, como é o caso do sector pesqueiro, lácteo e madeireiro, nestes dous últimos como produtores de materias primas e primeira transformación. A nosa económica, así como no ámbito histórico, cultural e lingüístico, está marcada polo neocolonialismo, pola falta de poder político e de soberanía. Ou sexa, porque non se recoñece o carácter plurinacional do Estado, o que impide acadar o rol que nos corresponde na cadea de valor pola riqueza do noso país e o esforzo das súas xentes. Faltan as competencias fundamentais pra un medre real do PIB e un mellor reparto da riqueza producida.

O outro aspecto que resulta difícil de entender é a utilización confusa do conceito de ser unha persoa galega ou inmigrante residente na Galiza. Ante todo pra ser galego ou galega non abonda con vivir no país e obter a nacionalidade como unha formalidade. Hai persoas que viven no país e sempre serán arxentinos, brasileiras, portugueses... e outras que nacendo en Suíza serán sempre galegas de orixe, e as que vivindo en Madrid ou Barcelona serán sempre galegas. Despois poden ser mellores ou peores persoas, iso é outra cousa. 

O propio pasa coas persoas que figuran no censo electoral exterior e son descendentes de paisanos/as. Por exemplo meus sobriños/as son descendentes de galegos/as e italianos/as e teñen a nacionalidade “española”, non estiveron nunca na Galiza, mesmo poden votar (como tamén o fan ali) e son e séntense arxentinos, lóxico. Os “nacionalizados” son unha minoría. En 1960 había na América Latina máis dun millón de galegos e galegas, dos que a metade na Arxentina. Polo tanto sr. presidente da Xunta, non hai 180.000 descendentes de galegos/as na Arxentina, senón millóns, mais son só iso, persoas que teñen antecedentes galegos, e unha relación con esa orixe que cada un/unha determina. É bo que se veñen como inmigrantes teñan o dereito á cidadanía, e haxa medidas de integración. Teño dúbidas do voto no exterior. Urxe evitar a emigración da mocidade, e axudar a que retornen os que marcharon. Ou sexa ir á raíz dos problemas e darlles solución. 

Te puede interesar