Opinión

Lembrando aos nosos mártires

O 17 de Agosto celebrouse o “Día da Galiza Mártir”, unha data na que se rende homenaxe a todos aqueles que deron a súa vida por esta Terra, é moi especialmente aos que foron asasinados por defender a República e o Estatuto contra o “alzamento nacional” (español) de 1936, ou sexa: contra a ditadura franquista. O día pra esta conmemoración non é casual, decidiuse no ano 1942 pola Irmandade Galega de Bos Aires, en lembranza do cruel fusilamento na Caeira (Poio) de Alexandre Bóveda, que foi un dos impulsores e secretario do Partido Galeguista. A escolla da data polo exilio non foi unha decisión sectaria, os organizadores puñan como exemplo figuras representativas de todo o espectro político antifranquista, dende un  Anxel Casal, até un Benigno Álvarez, Xaime Quintanilla, Johan carballeira, Álvarez Blazquez, Camilo Díaz, Victor Casas... 

Alexandre Bóveda naceu no ano 1903 en Ourense. Foi funcionario público da Delegación de Facenda de Pontevedra, despois de obter en Madrid nas prazas convocadas o número un. Na cidade  do Lérez asistiu á tertulia de Castelao e Losada Diéguez. En 1928 ingresará no Seminario de Estudos Galegos, e en 1930 a solicitude desta entidade colaborou no proxecto de Estatuto elaborando o engadido económico financeiro. Hai, ademais do Bóveda político, outro ligado á construción social cun papel decisivo na creación da Caixa Provincial de Aforros de Pontevedra, da que foi director, ou formando parte da Coral Polifónica.

O seu pensamento político reflíctese claramente, nun intre chave, cando apoia a alianza coa Fronte Popular fronte ao fascismo. Din, que el contaba, que encetou a súa vida política, cando un día estando seu pai, que era carpinteiro, a ler un xornal, alguén lle espetou: que tempos, agora até os obreiros len o periódico! Bóveda reclamaba no estrutural "un réxime federal de nazonalidades ibéricas". No eido económico quere solucionar os problemas dos aranceis, eliminar intermediarios, facilitar os créditos, modificar o sistema contributivo e, moi especialmente, fomentar o cooperativismo. Vese nesta proposta que é acorde coa realidade galega do momento: un país rural cunha presenza labrega esmagadora.

Alexandre Bóveda “foi o principal organizador e animador da práctica política do galeguismo”. El mantivo con firmeza a necesidade de facer do PG un partido de masas fronte a outros dirixentes, que ficaron en minoría, que optaban por unha organización máis elitista. A súa coherencia ao dereito de Galiza á plena soberanía queda reflectida nos seus textos:“Cando por vez primeira na miña vida, o 12 de abril, fun exercitar o meu dereito a voto e votei pola República non era pra min un fin, senón un medio, como un medio tamén é o Estatuto”. Resulta evidente que as arelas de Bóveda ían pra alén da autonomía. Mais serían as súas últimas palabras antes do fusilamento as que reflicten a súa entrega: “Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galiza e pola República”... Tiña 33 anos.

A historia de todos os países esta chea de mártires, tamén a da Galiza. Dalgúns lembramos os seus nomes, porén a inmensa maioría son heroes e heroínas anónimos, como os que loitaron polos dereitos desta Terra e as liberdades na Revolución de 1846, os que se rebelaron a prol da República en Ourense en 1869 e en Ferrol en 1872, a folga xeral galega de tres días de 1932 pra evitar o peche dos estaleiros en Ferrol,... os centos de revoltas labregas contra as levas, trabucos e foros durante un século, a morea de loitas obreiras por un salario e condicións laborais dignas, como as de marzo de setembro de 1972 en Ferrol e Vigo. Canta represión, persoas mortas, feridas, encarceradas. A estes homes e mulleres mártires que loitaron a prol da soberanía, da xustiza, da igualdade réndeselle homenaxe nesta data.

Te puede interesar