Opinión

Unha lembranza oportuna

Nesta conxuntura tan complexa, serve como antecedente pra reflexión, que hai 60 anos, o 27 de xaneiro de 1973, acordouse o alto ao fogo entre os Estados Unidos e Vietnam do Norte, pra retirada das tropas desa potencia de Vietnam. Este pacto incluía a realización dun referendo en Vietnam do Sur sobre a reunificación. O acordo adiantaba a caída do réxime de Saigon, que malia o apoio económico e en armas das potencias occidentais só se mantivo até maio de 1975. A reunificación de ambos territorios fíxose o 2 de xuño de 1976, completando así un proceso que estaba pendente, e que xa era parte dos acordos de Xenebra de 1954 entre Francia e o Movemento de Liberación de Vietnam. 

A guerra de Vietnam comezou como parte da loita de liberación dos países de Indochina da colonización francesa, unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial e vencido o Xapón que ocupara a zona. Derrotada Francia os Estados Unidos interviu cada vez máis directamente na guerra, especialmente durante os governos de Kennedy-Jonhson, e no ano 1968 xa había sobre o terreo 536.100 militares norteamericanos aos que hai que engadir 65.000 de países aliados e 820.000 survietnamitas. A esta altura as forzas do Viet-Cong sumaban uns 400.000 homes e as de Vietnam do Norte 480.000. No intre dos acordo do ano 1973 Estado Unidos levaba gastado 135.000 millóns de dólares no conflito e sumaba 60.000 mortos. As baixas vietnamitas foron inmensas, uns tres millóns de mortos entre civís e combatentes, ao que se debe sumar a destrución de infraestruturas e zonas produtivas. 

Esta guerra deixou un pouso traumático pra maior potencia do mundo (e aliados). Toda a súa tecnoloxía e poder militar e económico foi vencido polos desexos de liberdade e capacidade de sacrificio dun povo. É verdade que contou co apoio de Rusia e China, máis o aire e mar sempre estiveron controlados por Washington, que ademais de bombardear arreo o territorio en disputa fixo o propio con Vietnam do Norte. A teimosía, a defensa da patria, malia os métodos de batalla primitivos, amosaron a súa eficacia, diante dun exército invasor, aínda que a ocupación se disfrazase de defensa da “democracia”. A loita vietnamita foi referencia durante décadas no mundo, pra unha xeración de mozos e mozas que arelaban un mundo igualitario. Cómpre lembrar polo seu papel a Ho Chi Minh, Le Duan, Vo Nguyen Giap.

Ho, considerado o pai da patria, fundou o partido, organizouno e deulle unha estratexia axeitada, ao que era un difuso anceio de soberanía e xustiza durante a colonización francesa. Giap, historiador, foi o estratego militar invencíbel, que colleu cedo sona coa toma de Dien Bien Phu (en Laos), cando venceu en 1954 ao exército expedicionario francés que pretendía recuperar o centro e norte de Vietnam. Le Duan, foi secretario do Partido de 1969 até 1986, ou sexa, durante os momentos máis duros e nos que se conseguiría a vitoria. Os tres deixaron textos que cómpre ler sobre como enfrontaron con éxito unha correlación de forzas tan adversa. 

Na década dos sesenta e setenta do século XX eran parte da linguaxe cotiá os nomes de Saigon, Hanoi, Hue, Danang, como hoxe son os de Kiev, Dombass,... A guerra de Vietnam contribuíu a dar pulo á esquerda rupturista e aos movementos de liberación nacional durante aquela etapa, máxime cando se sumaba a outros procesos recentes, como eran a vitoria do PC na China, a descolonización de Asia e África, a Revolución Cubana, a liberación de Alxeria e das colonias portuguesas... Mesmo a Revolta de 1968 en Francia, aínda sendo resultado de dinámicas propias deste país, ademais estivo influenciada por este auxe revolucionario e cambios positivos. Tamén hoxe as contradicións sistémicas teñen máis pulo na periferia e deberían servir de reflexión no “centro” sobre o momento histórico e a vía da paz. 

Te puede interesar