Opinión

Líbano. Repetirase 
a historia?

Líbano está máis unha vez diante dunha crise política que pode levar a un novo conflito armado. En 1975, foi a presenza de milicias palestinas e a presión israelí. Agora, é o traslado mecánico da confrontación armada en Siria, onde a oposición conta co apoio da maior parte dos gobernos da área, dende Israel, ate Turquía e as reaccionarias monarquías árabes. As protestas polo lixo en Beirut son consecuencia do desgoverno existente, mais todo reflicte que tamén alentan a mobilización razóns xeo-estratéxicas, por mor das alianzas externas das diversas comunidades relixiosas. Aínda que dentro de xiítas, sunnitas, drusos e maronitas, convivan posturas diverxentes.

Lembremos aquela guerra e o seu contexto. Na década dos setenta do pasado século, vivían no exterior 1,5 millóns de libaneses, especialmente en América, máis tamén en África. Por exemplo, na Arxentina existe unha numerosa comunidade, coñecida co xentilicio de “turcos”, xa que os primeiros chegaron cando o Líbano formaba parte do imperio Otomán. O Líbano é tres veces máis pequeno que Galiza e daquela tiña 3 millóns de habitantes, dos que un millón vivía na capital, Beirut.

O conflito armado, que encetou o día 3 de setembro cun enfrontamento en Zale entre cristiáns e palestinos, alargouse o día 6 a Beirut e Trípoli. Foi o inicio da guerra civil. A concesión de asilo a 300.000 palestinos, despois da guerra árabe-israelí de 1973, elevou ao 15% a súa porcentaxe sobre a povoación do Líbano. A presenza de milicias palestinas serviulle a Israel como pretexto pra xustificar as frecuentes incursións e bombardeos contra a povoación civil. Neste contexto, as “falanxes” cristiás libanesas decidiron atacar os campamentos de refuxiados. Utilizouse a escusa de que os palestinos mudaban a correlación de forzas no Líbano, ao pasaren os musulmáns a ser maioría.

Na Guía do Terceiro Mundo saliéntase o medre das contradicións de clase: “as diferenzas entre as distintas comunidades superpuxéronse a unha estrutura económico-social eminentemente inxusta. A depredadora explotación colonial provocou a desaparición dos tradicionais cedros libaneses, o empobrecemento da terra e dos campesiños. A nova distribución do traballo e da riqueza reservou aos maronitas o control do comercio e a banca, en tanto que os musulmáns dedicábanse a tarefas artesanais ou gañábanse a vida como obreiros ou labregos”. As Falanxes, dirixidas por Pierre Gemayel, malia a súa limitada representación política, contaban grazas ao apoio de Israel coa milicia máis poderosa do Líbano con 15.000 homes en armas, e conseguirán que se lles sume o Partido Nacional Liberal de Chamoun e forzas do extremismo de dereitas. Apoiando os palestinos estaban as forzas drusas de Kamal Jumblatt, o Partido Comunista do Líbano (con 10.000 militantes), os Murabitun sunitas, e o Partido Baath.

A tregua de xaneiro de 1976 non impide o reinicio da guerra en marzo. Só a intervención de 30.000 soldados sirios en maio permite deter o conflito armado. Atrás fican 50.000 mortos e o dobre de feridos, e un país dividido, destruído e con todos os problemas pendentes de solución. Encol do papel de Siria hai versións contraditorias, segundo a Guía do Terceiro Mundo: “puxeron fin ao conflito e garantiron a unidade do país. Mais, as causas profundas de guerra civil subsistiron, así como as continuas agresións de Israel”.

Malia que a guerra civil de 1975 semella lonxana, se temos en consideración o que está a acontecer neste intre, albiscamos que a realidade pódese repetir máis unha vez. A pregunta é: quen mexe os fíos por detrás? Na súa paranoia, Israel co arroupe de Washington terá que destruílo todo? Alguén coida que se pode construír unha paz duradeira coa guerra e esmagando os povos?

Te puede interesar