Opinión

A loita obreira segue viva

Na información, os grandes medios dánlle pouca importancia aos conflitos laborais e reivindicacións sindicais. Porén, na práctica as protestas ligadas ás condicións de traballo van en aumento coa globalización neoliberal. E no caso concreto de Galiza, constitúen máis da metade das mobilizacións rexistradas. Pode que non conten co mesmo arroupe político que hai unhas décadas, e que as protestas non estean tan ligadas a un proxecto político e a unha folla de ruta común da clase traballadora. Mais, aínda sendo accións defensivas e pouco estruturadas, non deixan de ser transcendentes. Máxime se temos en consideración o seu número, o grao de participación, e que reflicten problemas que atinxen a máis do 80% da povoación activa, así como indirectamente a pensionistas, dependentes, desempregados, e afectan á demografía.
Neste intre, no ámbito internacional a mobilización obreira rexurdiu na América Latina con varias folgas xerais, como na Arxentina o 6 de abril, e no Brasil o 28 de abril. Foron dous paros cunha participación masiva que cuestionan os axustes que en materia laboral se están a facer por parte de Mauricio Macri e Michel Temer, en dous países con moito peso na rexión. Folgas contra axustes que marcan unha mesma tendencia (precariedade, baixos salarios, perda de dereitos, etc). Tamén en Europa se fixeron mobilizacións desta dimensión. No último ano, realizáronse  accións de protesta en Francia contra a pretensión de Hollande de reformar a negociación colectiva, individualizar a contratación, etc. Medidas que seica Macron está disposto a levar adiante mesmo por decreto se fose necesario. Isto alentará a contestación social, como xa se albiscou coas protestas “espontáneas”, unha vez coñecidos os resultados electorais da segunda volta. 


Máis próxima no tempo é a folga xeral de Grecia, o pasado 17 de maio. Neste caso, o sindicalismo e as forzas de esquerda opóñense ás novas medidas de axuste esixidas pola Troika, que atinxen aos salarios, pensións, prestacións públicas así como á privatización de propiedades do Estado. Este non é o primeiro paro contra o governo de Tsipras, que ten maioría no Parlamento, pra aprobar  medidas regresivas, malia que non deixe de baixar nas enquisas electorais. Ate hai uns anos, Syriza, unha alianza entre eurocomunistas e sectores da esquerda antisistémica, era considerada unha forza da esquerda radical, anticapitalista. O analista James Petras afirma que neste intre Tsipras representa o maior traidor á clase traballadora. O que amosa os grandes cambios que se están a operar na esquerda europeísta. A composición do Governo de Macron na Francia, coa integración de conservadores e socialistas (social-liberais) amosa que non teñen diferencias de obxectivos, polo que poden coincidir na folla de ruta. 
Todos estes conflitos, en ámbitos xeográficos moi afastados entre eles, con situacións económicas e niveis de vida e procesos moi distintos, teñen todos un nexo común: o aumento da eventualidade, da xornada laboral e do ritmo de traballo, a rebaixa de salarios e prestacións sociais, etc. E como contrapartida, o medre da taxa de beneficio, maiores achegas ás grandes empresas e unha menor presión fiscal aos ricos. En todos os casos, mesmo con rendas por persoa que se triplican, estanse a realizar axustes laborais á baixa. A escusa é o déficit público, a competitividade, a robotización, a deslocalización. Seica son males inevitábeis, xa que non hai outra opción pra crecer. Ou sexa, non existe máis saída que maximizar a explotación, un mundo desigual, a migración masiva, e a lei da selva. A distribución do traballo e da riqueza, a xustiza, a solidariedade, a vontade popular, o ecosistema, todo queda sacrificado ao medre do PIB, á cobiza. Por sorte, a reivindicación segue máis viva que nunca.

Te puede interesar