Opinión

Contra o lume hai solucións

Os incendios deste ano, que arrasaron en moi poucos días milleiros de hectáreas de monte e puxeron en perigo zonas habitadas, demostran claramente que non son abondo os medios empregados pra defensa dos ecosistemas, e ante a perda de valor económico do rural como consecuencia do abandono das terras e o despovoamento. Dirase que é un ano excepcional e que tampouco o norte e centro de Portugal puideron evitar esta traxedia. En realidade, hai anos que o clima é cada vez máis estremo, o cambio é unha realidade, e que os nosos irmáns do sur cometan os mesmos erros non é ningún alivio. 

Mesmo recoñecendo que unha parte dos incendios son intencionados, non sería tan doado causalos se houbese políticas preventivas máis eficaces, tanto pra frear o cambio climático, como pra garantir a limpeza do monte. Tampouco se pode ignorar que os especialistas viñan alertando dun verán moi quente e seco. Polo tanto, mesmo que fose unha posibilidade entre dez, que non era o caso, non se pode entender que se fixesen contratos por só tres meses, como denuncian os brigadistas forestais das empresas que apoian ao persoal da Xunta, cando outros anos eran contratados por seis meses. De manter o tempo de contratación habitual, cando comezaron os incendios masivos xa se tería limpo moito monte, reducindo o perigo e facendo máis doada a extinción do lume. Todo indica que se antepuxo o aforro á seguridade. 
Agora ben, un aspecto central pra evitar a queima do monte é, ademais da súa rendibilidade económica asociada ao territorio, a utilidade social pra toda a comunidade.

Un aspecto fundamental, máxime nunha sociedade onde o mundo rural ten un peso demográfico moi superior ao que representan as persoas directamente ligadas á actividade agro-gandeira-forestal. Un dado: no ano 2015, aínda un 39,66% da povoación galega vivía en núcleos de menos de 500 habitantes, mentres que os ocupados no agro e pesca eran só o 6,3% das persoas. Malia ser o envellecemento  unha tendencia dominante no rural, e unha realidade que a maioría da povoación activa se adica hoxe a outras tarefas, tendo a agraria como unha actividade complementar, aínda garda unha relación directa co monte.

A traxedia dos lumes amosa a gravidade do cambio no clima e na relación das persoas coa contorna. A solución pasa por mudanzas nas formas de vida, nos modos de produción, no tipo de especies arbóreas e na organización do monte. Pra realizar esta transformación fai falla vontade política. É esencial dignificar o traballo agro-gandeiro, elevar o valor da madeira, e acadar a colaboración da povoación rural mesmo da que non ten a actividade agraria como a principal (ou nen como secundaria). E por suposto, é central potenciar os medios profesionais preventivos de limpeza do monte, e que sexan un servizo público da Xunta de Galiza. Trátase de subvencionar a protección e coidado do monte polos veciños/as, o que contribuiría a rendibilidade agraria, unha actividade estratéxica pra calquera país. Serían unhas achegas que terían un beneficio social evidente pra o conxunto da povoación galega, xa que o monte é un ben común. Isto, evitaría ademais a perda de habitantes no rural e, sobre todo, como consecuencia do traslado o gasto extra en novas vivendas que representan unha parte moi importante das cargas sobre as familias. Estes medios poderíanse adicar á actividade produtiva, investigación, cultura, etc. 

Como o/a lector pode comprobar, as posíbeis alternativas pra evitar os lumes, pra alén dos remendos aos que estamos tan acostumados, superan en moito a resposta inmediata, e cuestionan un modelo de sociedade, de acumulación. Daquela que sexa tan difícil darlle unha resposta axeitada, porque son moitas e poderosas as cobizas coas que se choca. Podemos evitar o desastre!

Te puede interesar