Opinión

Na mobilización está a diferenza

Onovo Governo non vai ter doado aplicar o seu programa, tanto pola crítica da triplo dereita, que mesmo cuestiona o día na semana que se realizaran os consellos de ministros e ministras. Porén tamén pola patronal que, por todos os medios, intenta evitar a derrogación da Reforma Laboral e o aumento do salario mínimo interprofesional (SMI), e eliminar a indemnización por despedimento (a mochila austríaca). Mais os compromisos de campaña e os documentos asinados polo PSOE e UP, e outras forzas tanto nestes aspectos como respecto da cuestión territorial terán que cumprilos se non se queren suicidar, xa que non existe marxe política pra ambigüidade. 

Lembremos que se xeraron moitas ilusións de cambio na xente, malia todas as desconfianzas existentes cos partidos, sustentadas nunha historia de renuncias fronte aos poderosos, tanto por parte destes como doutros suxeitos políticos. Ademais, pra alén daquelas persoas que votaron á esquerda, entre os sectores que engrosan a abstención destacan a clase traballadora e a mocidade. E, a súa incorporación á loita política institucional é fundamental pra rachar coa fragmentación política e alargar á esquerda, mesmo aquela que non está disposta a dar pasos fóra da globalización neoliberal. 

Existe esta grande expectativa, a prol dun cambio, porque dende o ano 2008 fíxose un duro axuste que atinxiu especialmente ás clases populares, e aos territorios periféricos, que se xustificou co carácter mundial da crise. Agora ben, hai anos que esta crise rematou en termos económicos, como amosa o valor do PIB, mais os retrocesos no ámbito laboral e social mantéñense e mesmo crecen. Só se pon o foco naqueles casos máis estremos da precariedade e da pobreza, malia que a mal chamada “clase media” non deixase de devecer e a venda de bens de luxo suban como un foguete. 

Na última década mentres que os ingresos dos cargos directivos creceron, os salarios da clase traballadora perderon 10 puntos. Sen dúbida axudou moito neste retroceso a eliminación da ultra-actividade dos convenios, hoxe a metade dos asalariados e asalariadas están á marxe de acordos colectivos, así como primar o convenio de empresa sobre o de sector. Por certo, este recuar nos ingresos tamén afectou á maioría dos autónomos/as e da pequena empresa, como consecuencia de normativas e dinámicas que favorecen a globalización neoliberal, ou sexa a economía de escala.

Fago estas consideracións previas porque escoitando nunha entrevista á nova ministra de Traballo, a paisana Iolanda Díaz, vina disposta a facer a derrogación da reforma laboral e aumentar o salario mínimo, mais con moitas matizacións respecto dos aspectos que abranguería e sobre os tempos. Comprendo que mesmo pra manter as formas ten que se xuntar previamente coa patronal e os sindicatos (con todos os máis representativos, incluíndo ELA-STV e a CIG?), mais se a pretensión é  acadar un acordo con todas as partes estamos aviados, irá pasando o tempo sen que a derrogación da reforma laboral e o aumento do SMI se leve adiante. 

Evidentemente axudaría moito respecto da mellora das condicións laborais, así como nos casos nos que unha empresa e sector estea en perigo, que ademais de facer declaracións as centrais sindicais recuperasen a mobilización, pra contar co apoio da maioría social e empurrar ao Executivo (a Bolsa vota todos os días en sentido contrario). Esta é a dinámica que as centrais vascas están apuntalando coa folga xeral do vindeiro 30 de xaneiro, ou a que busca crear a CIG coas manifestacións que fará ese mesmo día na Galiza en todas as cidades (e CC.OO. e UGT?). Ficar como simples espectadores/as en cuestións de tanta transcendencia non é unha opción a altura dos retos do momento, mesmo cun Governo que fose atrevido e tivese maioría.

Te puede interesar